O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
O Concello de Teo ordea o precintado cautelar dun grupo electróxeno pertencente a un establecemento hoteleiro na urbanización dos Tilos. A decisión tómase despois de que o seu titular desatendese os reiterados requerimentos municipais para corrixir a excesiva emisión de ruído do equipo, que ocasiona danos e molestias graves á veciñanza do lugar.
Foron inicialmente residentes na zona quen denunciaron os feitos, ante os prexuízos que lles ocasiona, de día e de noite, a máquina instalada no exterior do inmoble hoteleiro.
A resolución municipal establece o precintado cautelar para este venres, 5 de agosto, ás 12:30 horas. O importe dos gastos, danos e prexuízos serán por conta do suposto infractor. No caso de que non os pague, poderán reclamárselle por vía de constrinximento.
Esta decisión tómase tras comprobar, mediante o informe dun técnico municipal, que o establecemento desatendeu o requerimento municipal do pasado 14 de xullo de proceder pola súa conta ao precintado do grupo electróxeno ou aplicar outras medidas necesarias para corrixir a situación.
Tal requerimento, á súa vez, produciuse despois de abrirlle un expediente sancionador á empresa responsable do inmoble (Celuisma, SA) o 23 de xuño pasado. Foi un expediente por infracción administrativa grave en materia de protección contra a contaminación acústica, que segue aberto e pendente de resolución definitiva.
As medicións acústicas encargadas polo Concello, tras recibir a denuncia veciñal, determinaron que se producía un exceso de 8,7 decibelios en horario diúrno e de 11,6 decibelios en horario nocturno. O estudo foi elaborado desde unha vivenda próxima por un enxeñeiro técnico industrial colexiado, utilizando métodos e sistemas homologados pola Consellería de Medio Ambiente.
A ordenanza municipal de emisión e recepción de ruídos, vibracións e condicións dos locais contempla como infracción administrativa grave a superación en máis de 5 decibelios os valores límite establecidos. A norma prevé aplicar sancións económicas que van desde os 1.500 ata os 9.000 euros neste tipo de infraccións.
O goberno de Teo lamenta a falta de colaboración da empresa responsable do hotel en todo este proceso, o que obrigou ao Concello a ditar esta orde de precintado, co propósito de garantir o benestar e a calidade de vida dos veciños e veciñas dos Tilos.