O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
O Xulgado de Instrución número 2 de Santiago de Compostela arquiva a denuncia que catro axentes da Policía Local de Teo presentaran a finais do pasado mes de febreiro contra o alcalde de Teo, Rafael Sisto. A decisión do xulgado, que o Concello acaba de coñecer e que data do 22 de xuño, conta ademais co informe favorable da fiscalía.
Desta maneira, queda confirmado que o alcalde non incorreu en prevaricación administrativa, tal como pretenderon facer crer os denunciantes. A decisión xudicial confirma que as resolucións e circulares da alcaldía obxecto da denuncia non son contrarias a dereito e descarta ademais que se producise arbitrariedade algunha.
O arquivo da denuncia supón ratificar a validez da circular informativa na que a Alcaldía comunicaba que os informes, oficios e comunicacións que teñan a súa orixe nun departamento ou servizo municipal e se dirixan a outro departamento, servizo ou autoridade municipal non tiñan que presentarse no Rexistro Xeral, ao non entrar nin saír da administración local. A circular fundamentouse no Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais e explicaba ademais que utilizar o Rexistro municipal como mecanismo para trasladar informes entre departamentos municipais podería causar nel unha sobrecarga ou colapso.
Do mesmo xeito, o xulgado confirma como axustada a dereito unha nota interna da Alcaldía na que se establece que as actuacións de inspección urbanística efectuadas pola Policía Local deben desenvolverse baixo a dirección, coordinación e demanda do arquitecto técnico municipal, como profesional que ten asignadas as funcións de inspección urbanística. Tal como sinala a propia nota, isto non impide que a Policía Local actúe ante infraccións flagrantes en materia do uso do solo que signifiquen un risco grave para a seguridade de persoas ou bens, poñéndoas en coñecemento das autoridades municipais coa premura debida.