O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
O Concello emitiu esta mañá unha resolución na que se require o precintado dun grupo electróxeno pertencente a unha instalación hoteleira na urbanización dos Tilos, por estar emitindo ruídos que ocasionan danos e molestias graves á veciñanza do lugar. Foi precisamente a veciñanza quen denunciou os feitos, polos prexuízos que o equipo, instalado no exterior do inmoble hoteleiro, causa tanto de día como de noite.
A resolución, que ten carácter cautelar, debe cumprirse no prazo improrrogable de cinco días desde o seguinte ao da chegada da notificación ao destinatario. Como opción ao precintado, permite a adopción doutras medidas correctoras que eviten o ruído. En todo caso, o seu incumprimento dará lugar a que sexa o Concello quen se encargue do precintado do equipo. Ademais, a ordenanza prevé sancións económicas que van desde os 1.500 ata os 9.000 euros.
A raíz da denuncia veciñal, a finais do pasado mes de maio o servizo municipal de inspección urbanística elaborou un informe no que se determinaba unha posible vulneración da ordenanza municipal de emisión e recepción de ruídos, vibracións e condicións dos locais. Para verificalo, o Concello encargou un estudo sonométrico, no que se constatou que en horario diurno as instalacións superan en 8,7 decibelios o nivel máximo de ruído permitido pola ordenanza. De noite, o exceso chega aos 11,8 decibelios. O estudo foi elaborado desde unha vivenda próxima por un enxeñeiro colexiado, con métodos e sistemas homologados pola Consellería do Medio Ambiente, de maneira que conta con todas as certificacións necesarias.
Todos estes feitos conduciron á apertura dun expediente sancionador contra a empresa titular do hotel residencial o pasado 23 de xuño, por cometer unha infracción administrativa grave en materia de protección contra a contaminación acústica, ao superar en máis de 5 decibelios os valores límite establecidos. Tras a apertura do expediente, deuselle audiencia á parte interesada para avaliar posibles medidas correctoras, sen que presentase ningunha alegación no prazo previsto nin ofrecese solución algunha.
O goberno de Teo lamenta a falta de colaboración da empresa responsable do hotel en todo este proceso, o que obrigou ao Concello a ditar a resolución de hoxe, co propósito de garantir o benestar e a calidade de vida dos veciños e veciñas dos Tilos.