O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos

O GOBERNO COMPARTE COA VECIÑANZA A NECESIDADE DE CORRIXIR A LEI DO SOLO

| compartir:

O goberno de Teo comparte coa veciñanza de Cacheiras a necesidade de corrixir a nova Lei do Solo de Galicia, en vigor desde marzo deste ano, polos gravez prexuízos que causa a prohibición de segregar en solo de expansión en núcleo rural no municipio. Esta problemática foi analizada esta mañá nunha reunión que o alcalde, Rafael Sisto, e a concelleira de Urbanismo, Uxía Lemus, acompañados polo arquitecto municipal, mantiveron cun grupo de veciños e veciñas da localidade.

O executivo de Teo transmitiu na reunión a preocupación por este tema e as numerosas xestións que leva efectuado co propósito de buscarlle unha solución xurídica a este problema. Ademais, reiterou o seu compromiso dunha modificación legal do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), que se incluirá no proceso de revisión ao que se está sometendo este documento. O obxectivo é evitar que no futuro reapareza este grave problema para a veciñanza.

 

Na xuntanza, celebrada na Casa do Concello, acordouse a presentación en pleno dunha moción, por parte do equipo de goberno, que recolla tal compromiso de modificación do Plan Xeral. Do mesmo xeito, a proposta, que busca o apoio de todas as forzas políticas, instará aos grupos con representación no Parlamento de Galicia a iniciar os trámites para a modificación da Lei 2/2016, coñecida como Lei do Solo de Galicia. A corrección que se reivindica é volver á situación xurídica existente ata marzo deste ano, que permitía as segregacións neste tipo de solo.

 

Pola súa parte, os veciños que acudiron á reunión comprometéronse a axudar nesta iniciativa ante o Parlamento de Galicia, mediante unha recollida de sinaturas entre a veciñanza, en apoio da moción. O Concello de Teo amosa a súa satisfacción polo tono absolutamente cordial do encontro, orientado á busca de solucións conxuntas para un problema con graves consecuencias para a veciñanza teense.

teo