O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
Hoxe entregáronse os premios do IV Concurso de Petiscos TapaTeo, nun acto presidido polo alcalde, Rafael Sisto, no que tamén participaron a concelleira Conchi García, responsable das áreas de Turismo, Comercio e Emprego, e representantes das firmas patrocinadoras do certame.
O primeiro premio correspondeulle ao Restaurante Squash. A súa proposta ‘A ilusión dun emigrante’ foi valorada polo xurado como o mellor petisco. Trátase dunha elaboración con polbo, gnocchis e hummus de aguacate. O premio ten unha dotación de 300 euros produtos da adega Ponte da Boga e un diploma acreditativo.
Como premios do público, o mellor petisco foi o ‘Volcán culinario’ do establecemento A Capilla. É unha proposta con pan caseiro, ovos de curral, chourizo caseiro, pemento, queixo e patacas, presentada coa forma dun volcán en erupción. Este petisco recibiu tamén unha mención especial por parte do xurado. Coas súas puntuacións, o público tamén escolleu como local coa mellor calidade de atención a Casa Pernas. Nos dous casos, reciben un diploma e un recoñecemento.
Premios para a clientela
No acto de hoxe tamén se entregaron os premios sorteados entre todos os clientes e clientas participantes no certame. O primeiro premio, un abono anual de Aquafit para o uso das instalacións da piscina climatizada da Ramallosa, correspondeulle a Carmen Pernas Collazo. O segundo, unha cea para dúas persoas nun dos establecementos participantes no TapaTeo, recaeu en Zulema Muñíz. O terceiro premio, de Adegas Ponte da Boga consistente nun lote de produtos de Estrella Galicia valorado en 125 euros, foi para José Antonio Sánchez Rodríguez.
David Penido Cobas, gañador do cuarto premio, outorgado por Supermercados Gadis, recolleu a súa cafeteira de cápsulas e unha tablet. O quinto, tamén de Adegas Ponte da Boga, foi un lote de produtos Estrella Galicia para Carmen Pernas Collazo. E Benito Otero Gaspar recibiu o sexto premio, dúas olas de cociña e un libro de receitas, concedido por Supermercados Gadis.
Máis de 1.600 consumicións
O alcalde de Teo, Rafael Sisto, agradeceu a participación dos establecementos e do público, así como a colaboración dos distintos patrocinadores para que esta cuarta edición do certame fose un éxito. O TapaTeo propiciou a consumición de 1.618 petiscos, cunha considerable repercusión na actividade do sector hostaleiro local, tal como detallou a concelleira de Turismo, Comercio e Emprego, Conchi García.
Os doce establecementos participantes neste concurso foron A Capilla, Restaurante Squash, As Brasas Parrillada, Restaurante Bariloche, Cafetería Club Os Tilos, Rincón de Sara, Hotel Congreso, Restaurante Canaletto, Casa Nerea, Tapería A Raiola, Brasería Novo Porche e Casa Pernas.
Os clientes puideron participar mediante papeletas de puntuación nas que valoraron tanto o petisco de cada local como a calidade xeral da atención recibida. Ademais, nun pasaporte reuniron os selos dos establecementos aos que acudiron a degustar os petiscos. Entre os que completaron o pasaporte, sorteouse o premio principal de Aquafit, o abono anual para a piscina climatizada. O segundo premio sorteouse entre os pasaportes con dez ou máis selos. Os demais premios para o público sorteáronse entre todas as papeletas de puntuación.