O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos

OS PARQUES INFANTÍS RECIBIRÁN UN INVESTIMENTO DE MÁIS DE 70.000 EUROS ESTE VERÁN

| compartir:

O Concello investirá máis de 70.000 euros durante este verán na construción, mellora e mantemento de varios dos máis de corenta parques infantís cos que conta o municipio. As distintas actuacións pretenden aumentar a dotación de espazos de uso público, ademais de renovar e preservar as condicións de seguridade dos xa existentes.

O concelleiro de Servizos Básicos, Xurxo Francos, explica que o maior investimento vaise destinar a construír un parque infantil e unha pista deportiva na zona de Augas Mansas. O custo da obra será de case 52.500 euros, incluído o IVE. Conta cunha subvención da Xunta de Galicia, por valor duns 24.000 euros, a través dos fondos Feader.  A obra está en proceso de licitación e contratación e estímase que estea rematada antes de mediados de setembro.

 

O novo equipamento dará cobertura tanto á propia urbanización de Augas Manxas como a núcleos próximos como Vilar, Guldrís, As Laxes, Pedrouso, Requián, Constenla, Sisto, Cruces, Lamas, Monte ou mesmo Solláns, todos eles situados a menos dun quilómetro de distancia.

 

Xurxo Francos detalla que para a construción desta nova infraestrutura escolléronse materiais que precisan un mantemento baixo, como o aluminio, elementos galvanizados ou polietileno. O concelleiro adianta tamén que, unha vez conclúa este proxecto, o Concello instalará dúas mesas e varios bancos, máis plantará árbores para crear unha zona de sombra. 

 

Outros parques

Outras actuacións que acometerá a brigada municipal de obras nas vindeiras semanas benefician a varios parques infantís, cun investimento en materiais superior aos 12.500 euros.

 

Un deles é o de Cerdeira, na parroquia de Vilariño, no que se cambian varios xogos e serán retirados varios piñeiros situados nas inmediacións que a longo prazo poderían constituír un risco para os usuarios e usuarias.

Ademais, vanse renovar os parques infantís de Penelas e da escola de Raxó. O do CEIP da Igrexa de Calo será ampliado e en xeral todos os parques dos colexios recibirán reparacións e tratamentos de madeira para garantir o cumprimento da normativa vixente e obter a correspondente certificación. No antigo campo da festa de Rarís, colocarase un parque cunha superficie de lousas de caucho que cubrirá o pavimento actual.

 

Por último, na urbanización dos Tilos investiranse uns 2.500 euros para cambiar o peche perimetral do parque infantil, substituír un elemento deteriorado, engadir un novo xogo para nenos e nenas de ata tres anos de idade, sanear o chan e acondicionar os demais xogos.

 

Ao igual que no novo parque de Augas Mansas, os elementos novos de toda esta serie de intervencións serán de materiais con baixo custo de mantemento, co que se garante a súa perdurabilidade. Constarán de dobre randeeira, muelle e tobogán, situados á altura axeitada para cada tipo de chan, de acordo coas especificacións técnicas aplicables.

parque Teo