O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos

O CONSELLO ESCOLAR MUNICIPAL REXEITA POR UNANIMIDADE AS REVÁLIDAS

| compartir:

O Consello Escolar Municipal aprobou por unanimidade unha moción de rexeitamento ás reválidas que propón a LOMCE, e que recentemente afectaron ao alumnado de terceiro e sexto de Educación Primaria. Estas probas son consideradas prexudiciais por obstaculizar o desenvolvemento dunha educación pública de calidade e por ter como propósito marxinar o alumnado con maiores dificultades, en vez de apoialo. 

A decisión tomouse no primeiro pleno deste órgano, xusto despois da súa constitución formal. Ademais de posicionarse en contra das reválidas, este órgano abordou os informes relativos ás actuacións que o Concello de Teo efectuou nos centros de ensino público do municipio, a través das Concellerías de Educación, de Servizos Básicos e de Benestar Social.

 

Este primeiro pleno do Consello Escolar Municipal corresponde ao final do curso 2015-2016. A próxima reunión está prevista para o mes de outubro, unha vez teña comezado o seguinte curso 2016-2017.

 

O Consello Escolar Municipal creouse como un órgano de participación e colaboración de todos os sectores implicados no proceso do ensino. A súa composición é acorde ao seu regulamento de funcionamento, xa en vigor tras publicarse no Boletín Oficial da Provincia.

 

Deste xeito, o Consello Escolar Municipal está presidido polo concelleiro José Francisco Nanín, e intégrano ademais cinco representantes do profesorado (tres da CIG, un da UXT e un de CC.OO.), catro representantes de ANPAS (CRA de Teo, Igrexa-Calo, Os Tilos e o IES de Cacheiras), tres representantes do alumnado, e seis persoas propostas pola corporación municipal. Estas seis persoas son un representante do sindicato máis votado, o director do IES de Cacheiras, a directora dun CEIP, unha representante das asociacións de veciños, un representante de Nova Escola Galega e unha persoa experta en temas educativos.

teo