O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos

A CORPORACIÓN VALORARÁ A POSTA AO DÍA DA ORDENANZA MUNICIPAL DA VENDA AMBULANTE

| compartir:

A corporación teense reúnese este xoves 26 de maio en sesión ordinaria. O debate terá lugar en horario de tarde, ás 20:00 horas, no Salón de Plenos da Casa Consistorial, na Ramallosa, co fin de facilitar a asistencia das persoas interesadas. A sesión tamén se retransmitirá por streaming a través da web municipal, premendo no banner En directo, na marxe dereita da portada da mesma.

O pleno ordinario de maio terá como un dos temas máis destacados unha actualización da ordenanza municipal sobre a venda ambulante no concello de Teo, que conleva a derrogación da anterior, en vigor desde 2008. Os cambios recollidos na proposta da Alcaldía tratan de darlle resposta ás novas demandas deste sector de actividade, e de adaptar a actividade tradicional á normativa actual. Entre outras melloras, tamén se procura reducir o tempo de tramitación administrativa na adxudicación de licenzas de venda ambulante. E contémplase ademais a incorporación das novidades que introduce a lei de comercio interior de Galicia e outras melloras que permiten garantir a seguridade, a legalidade e o control da actividade.

A ordenanza regula a venda ambulante en mercados periódicos, en mercados fixos, en postos desmontables instalados na vía pública, en mercados ocasionais ou mediante camións ou vehículos-tenda. Fíxanse as condicións e procedementos para obter a correspondente autorización municipal, así como os criterios para o emprazamento, a periodicidade e os horarios dos mercados. Do mesmo xeito, o texto establece as condicións técnicas, hixiénicas, sanitarias e de limpeza que se deberán cumprir, e unha serie de obrigas e dereitos dos vendedores.

Como mercados autorizados de celebración periódica, a norma proposta recolle expresamente o Mercado de Alimento Labrego dos Tilos (sábados de 10 a 14 horas) e o Mercadiño de Cacheiras (venres de 9 a 14 horas). Estipúlanse tamén condicións especiais para a Feira do San Martiño, que se celebra tradicionalmente cada 11 de novembro na Carballeira de Francos (Calo), atendendo á súa relevancia histórica e cultural e ás súas singularidades.

A ordenanza creará un rexistro municipal de Vendedores Ambulantes, que xestionará o Concello, e incorpora un catálogo de infraccións e sancións que a administración municipal poderá aplicar no exercicio das súas competencias inspectoras.

Por outra parte, a corporación valorará unha proposta da Alcaldía para recuperar parcialmente os incentivos por xubilación de persoal, laboral e funcionario, que foran suspendidos temporalmente por acordo plenario en agosto de 2015 ante as medidas impostas polo Goberno central con severas restricións á incorporación de novo persoal. 

Outra proposta da Alcaldía que se tratará no pleno é o nomeamento de Carmen Morán de Castro para formar parte do Consello Escolar Municipal en calidade de especialista en temas educativos. Margarita Parrado, que exercera esta función no pasado mandato, declinou continuar por motivos persoais. Morán de Castro é doutora en Pedagoxía, diplomada en Profesorado de EXB, licenciada en Ciencias da Educación e licenciada en Psicoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela. Na actualidade é profesora contratada doutora no departamento de Teoría da Educación, Historia da Educación e Pedagoxía Social da USC.

No referente ás mocións, debaterase unha presentada polo grupo do PsdeG-PSOE para darlle apoio expreso á Plataforma de Vítimas do Alvia 04155. O acordo proposto inclúe que o Concello reciba esta entidade para coñecer as súas demandas e reivindicación, a solicitude ao Goberno español dunha investigación independente sobre o ocorrido, e a petición ao mesmo executivo de que se cree unha comisión de investigación en sede parlamentaria para establecer posibles responsabilidades políticas.

Outra moción, presentada neste caso polo BNG, propón apoiar as persoas que reciben pensións de estados estranxeiros afectadas por reclamacións da Agencia Tributaria. En concreto, o acordo consiste en instar ao Goberno español a unificar o réxime do IRPF para as rendas de pensións, independentemente de se proceden dun estado ou de varios, a paralizar o chamado Plan Montoro, a efectuar un recoñecemento de oficio das pensións de invalidez para acreditar a exención na tributación, e a que non aplicar a lei con carácter retroactivo, así como á “devolución dos cartos pagados inxustamente”, segundo o texto desta iniciativa.

teo