O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
A Concellería de Mocidade do Concello de Teo presenta a súa oferta de campamentos para o vindeiro verán, composta por un campamento infantil e outro xuvenil. Os campamentos durarán entre 8 e 9 días e terán lugar en vilas costeiras da provincia da Coruña.
Por unha banda, o campamento infantil vai dirixido a rapaces e rapazas de entre 7 e 11 anos empadroados no Concello de Teo e terá lugar no Albergue de Santa Cruz (Oleiros) dende o 18 ao 26 de agosto. O número de prazas ascende a 103, máis 5 destinadas a casos de emerxencia social, polo que é necesario reservar a praza no Rexistro Xeral do Concello dende o 4 ao 14 de maio.
Unha vez reservadas as prazas, as adxudicacións serán por orde de inscrición. A listaxe de admitidos estará exposta no taboleiro do Rexistro Xeral e na páxina do Concello, teo.gal, a partir do 24 de maio.
A cota de inscrición é de 90 euros (salvo exencións e bonificacións a consultar no BOP nº 195, do 13/10/2011) e terá que abonarse do 1 ao 15 de xuño, unha vez comprobada a admisión. Unha vez feito o pago, é necesario achegar o xustificante ao Departamento de Deportes, ou ben mandalo por mail a deportes@concellodeteo.com antes do día 16 de xuño. Non entregar o xustificante suporá a renuncia da praza.
Antes da realización do campamento, celebrarase unha reunión informativa o día 7 de xullo, ás 19:30 horas, no Salón de Plenos do Concello.
Dende a Concellería de Mocidade destacan que os rapaces e rapazas que cumpran os 12 anos antes do día 31 de agosto deste ano terán que apuntarse no campamento xuvenil. Os que cumpran os 12 anos entre o 31 de agosto e o 31 de decembro poderán elixir calquera das dúas opcións. Neste caso poden escoller entre o infantil ou o xuvenil pero non poden facer a solicitude para os dous.
Por outra banda, a Concellería de Mocidade tamén organiza un campamento dirixido á mocidade de entre 12 a 18 anos empadroados no Concello de Teo, con preferencia dos de 12 a 16 (ambos incluídos). O campamento desenvolverase en Cangas do Morrazo do 12 ao 19 de agosto. O número de prazas é de 70, máis 5 máis reservadas para casos de emerxencias sociais.
A reserva de praza farase no Rexistro Xeral do Concello no período comprendido entre o 6 e o 16 de maio. A listaxe de admitidos estará publicada no taboleiro do Rexistro Xeral do Concello e na páxina web teo.gal a partir do día 26 de maio. A adxudicación das prazas será por orde de inscrición.
Para este campamento, a cota de inscrición é de 80 euros (salvo exencións e bonificacións a consultar no BOP nº 195, do 13/10/2011) e terá que abonarse do 1 ao 15 de xuño, unha vez comprobada a admisión. Unha vez feito o pago, é tamén necesario achegar o xustificante de pago ao Departamento de Deportes, ou ben mandalo por mail a deportes@concellodeteo.com antes do día 16 de xuño. Non entregar o xustificante suporá a renuncia da praza.
Neste caso, a reunión previa á actividade aínda non está programada. Por último, dende a Concellería de Mocidade engaden que cada persoa poderá inscribir a un máximo de 4 nenos/as, salvo excepcións a familias numerosas.