O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
O verán é tempo de obras nas escolas. O momento do paro das clases hai que aproveitalo para facer tarefas que noutro momento do curso son inviables. A área de Educación, dirixida por María López, ten programado para estes meses o reforzo estrutural da escola da Casalonga, unha obra que permitirá o uso da planta alta do edificio de xeito habitual.
A obra prevista busca resolver danos detectados no edificio, cunha mínima intervención e sen alterar a imaxe nin o funcionamento do centro. O que se fará é reforzar os forxados do teito da planta baixa e da primeira planta. Este reforzo farase mediante perfís metálicos laminados conectados aos piares que conforman a estrutura do inmoble. Colocaranse seis vigas metálicas vistas. O custo da obra supera os 30.000 euros.
O Concello tamén ten solicitada unha subvención do Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos da administración local (PIREP) para poder actuar na escola de Cacheiras. Este programa financiado con fondos europeos, busca a rehabilitación sostible e a eficiencia enerxética, seleccionará os mellores proxectos tomando como base os criterios de calidade, solidez, gobernanza, enfoque integral, innovación e oportunidade. O Concello está agardando pola resolución da solicitude.
Murais no CRA
Nestes meses tamén se avanza nunha intervención nas escolas do CRA que se comezou o ano pasado. A muralista de Teo Raquel Germeade fará un mural de gran formato na sede do Centro Rural Agrupado, en Solláns. Isto súmase a outras actuacións como o cambio da cuberta, o repintado e o cambio de varias fiestras que estaban moi deterioradas.
Nos CEIPs tamén se van atender tarefas de mantemento. Nos Tilos vaise pintar e cambiar as luminarias no novo local destinado a biblioteca, un espazo de 175 metros cadrados. En Calo e na Ramallosa realizaranse cuestións de mantemento nos exteriores.
A concelleira de Educación ten solicitada unha xuntanza coa Consellería de Educación para falar de demandas da comunidade educativa de Teo e de xeito moi prioritario dos problemas que houbo co transporte escolar durante este curso que acaba de rematar.