O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
Durante toda a xornada do sábado 30 de abril terá lugar no Auditorio da Ramallosa “LibreTeo”. Con esta actividade, organizada por AGASOL en colaboración cos Departamentos de Promoción Económica e Mocidade do Concello de Teo e Boa Idea, quérese promover no Concello “unha comunidade tecnolóxica, non só para profesionais, senón tamén para que os tecidos asociativos do municipio participen nela” segundo indica Conchi García, concelleira de Promoción Económica.
A xornada englobará distintas charlas e talleres que se repartirán ao longo do día, aínda que todos xirarán sobre algo en común, o software e a cultura libres, cuxa característica principal é a creación e posterior difusión de elementos en Internet, os cales todo o mundo pode usar e, incluso, mellorar ou transformar. Deste modo, créase unha rede participativa a favor do coñecemento libre.
O programa desta iniciativa aínda non está completamente pechado, aínda que entre as actividades confirmadas destacan o taller de edición de vídeo para todos ou o de produción musical con software libre. A hora de inicio dos obradoiros será ás 9:30 horas e o remate está previsto para ás 21:00 horas.
Dende o Concello destacan o desexo de que o "LibreTeo" sexa un evento de carácter anual e estable no tempo, ademais de converter Teo “nun punto de referencia a nivel comarcal no sector tecnolóxico”, segundo Conchi García.
Por outra banda, esta actividade está dirixida a tódolos públicos, polo que os pais e nais terán dispoñible un servizo habilitado con animadores socioculturais, no propio Auditorio, onde deixar aos máis cativos.
Para máis información, "LibreTeo" ten dispoñible un portal web, http://libreteo.org/ , no que irán ampliando a programación do evento. Ademais, tamén pódense atopar en Twitter e Facebook. Para asistir, será necesario inscribirse, de balde e antes do 28 de abril, no seguinte enderezo: http://www.reunalia.com/3588208
Taller para Community Manager
O vindeiro sábado 16 de abril o Auditorio da Ramallosa acolle un taller preparatorio para o “LibreTeo”. Nesta iniciativa, dirixida a mozos e mozas de entre 16 e 25 anos, Iñaki Quenerapú, de Boa Idea, dará as claves para ser un bo Community Manager. Deste xeito, formarán a quen logo queira participar de forma voluntaria no evento do día 30 de abril, difundindo nas redes sociais de xeito directo todo o que aconteza nas charlas e talleres. Será ás 17:00 horas e poderá asistir calquera mozo e moza do Concello nesa franxa de idade, previa inscrición enviando un mail a contacto@libreteo.org .