O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos

COMUNICADO DE RENUNCIA DE SALOMÉ BEIROA FERNÁNDEZ

| compartir:

Faise público o comunicado de renuncia da concelleira Salomé Beiroa Fernández que se reproduce a continuación:

"Unha das prioridades da miña vida foi sempre tratar a xente con confianza, con respecto e presumir a boa vontade. Sempre tiven a capacidade de tratar as persoas como tal, como persoas, non como máquinas sen valores nin conciencia.

Así o fixen nos anos que levo desempeñando as miñas funcións como traballadora municipal: desde o 2007, a través do Gabinete da Alcaldía de Teo; e desde o pasado 13 de xuño, como concelleira.

O labor de servizo público é xestionar os recursos dos veciños e das veciñas, devolverlle servizos ao Concello, facer políticas sociais, de igualdade, educativas e procurar sempre a defensa do interese xeral e do ben común. Para iso estou aquí.

Na política non vale todo, por moito que haxa quen así o pense. Eu non presupuña a mala fe de xente que coñecín noutros ámbitos da miña vida privada, de persoas que se aproveitaron da miña boa vontade e de conversas persoais (comentarios informais banais) que se airearon publicamente.

Un medio de comunicación (só un) decidiu publicar parte desas conversas, iso si, coidouse ben de sacalas de contexto, de non reproducilas integramente. Este comportamento, que non é novo, contrario ademais á boa praxe profesional, outorgoulle ás miñas palabras un sentido bastante afastado da realidade e deulles, de paso, unha dimensión esaxerada... E interesada.

Reproducindo fielmente o argumentario dunha determinada forza política, insinouse a miña crítica ao labor dun goberno que ata o momento estaba cohesionado. Nunca, en ningún contexto, critiquei en público ou privado o labor deste equipo, nin tampouco o de ningún traballador ou traballadora municipal.

Recoñezo, iso si, a miña falta de cautela (motivada pola boa fe) á hora de expresar determinados pensamentos, sen reparar en que non chega con que esa boa fe estea só nunha parte. Ese foi, coido, o meu único erro.

Na xuntanza de onte, o meu grupo de goberno transmitiume que a repercusión desta conversa representaba unha ruptura da confianza. Pola miña parte, tampouco eu podo continuar nun equipo que xa non confía en min, porque se trata dun elemento indispensable para o seu bo funcionamento. Por coherencia persoal, e tamén por respecto cara á xente que me votou e quere facer un Concello de Teo mellor, considero que debo renunciar á miña responsabilidade pública para, deste xeito, non entorpecer o labor diario.

Deixo atrás nove anos de duro traballo en que desfrutei enormemente, un período en que coñecín moreas de persoas e fixen boas amizades. Levo, tamén, a satisfacción do traballo ben feito, así como a alegría que sentín cada vez que as veciñas e veciños de Teo mo fixeron notar."

 

Solláns, Calo, 1 de marzo de 2016

M.ª Salomé Beiroa Fernández

Veciña de Teo

teo