O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
Os alcaldes de A Estrada, Boqueixón, Santiago, Silleda, Teo, Touro, Vedra e Vila de Cruces asinaron no Pazo de Raxoi un protocolo de colaboración para reforzar a promoción conxunta do Entroido Rural Tradicional da Ulla – Xenerais da Ulla, que foi declarado Festa de Interese Turístico de Galicia en 2013. A sinatura deste documento amosa o compromiso dos oito concellos en afondar na colaboración para a recuperación total desta festa tradicional e a súa consolidación como un atractivo turístico que poda aumentar a demanda en temporada baixa.
O Plan de Promoción Conxunta do Entroido dos Xenerais da Ulla márcase cinco obxectivos complementarios: consolidar a recuperación de Entroido da Ulla como elemento singular do noso patrimonio cultural; dinamizar o turismo do territorio coa posta en valor do Entroido como eixe vertebrador do mesmo, explotando a súa capacidade de atracción e converténdoo nun atractivo turístico de primeira orde nas data do Entroido galego; desenvolver unha campaña de promoción conxunta; facilitar un espazo de mostra, encontro e reflexión entorno ao Entroido da Ulla; e favorecer as situacións e actividades interxeracionais, culturais e etnográficas da zona, potenciando a interacción da poboación local cos visitantes.
Co obxectivo de complementar a oferta de ocio e tradición propia dos Xenerais da Ulla, dende o 2014 os Concellos organizan unha proposta gastronómica de temporada para vivir dun xeito integral o Entroido Tradicional, coa participación de múltiples establecementos. Tamén se ofertan paquetes gastronómicos de turismo rural, nos que se inclúen aloxamento e gastronomía así como outras actividades para descubrir a comarca. Neste ano farase un esforzo maior pola promoción deste programa, cunha maior e mellor distribución de folletos e a creación de identificadores para os establecementos participantes.
Este compromiso municipal conta tamén co respaldo tanto da Xunta como das Deputacións da Coruña e de Pontevedra. Dentro desta colaboración, un Xeneral da Ulla participará na presentación dos Entroidos tradicionais galegos que terá lugar en Fitur no stand de Galicia.
Dende o século XIX
O Entroido da Ulla remonta as súa orixes á primeira metade do s. XIX e baséase nos enfrontamentos bélicos que se viviron na comarca nese século: a invasión do exército napoleónico, a revolución do 1846 ou as guerras carlistas. As personaxes máis importantes son os xenerais e correos a cabalo, que percorren as parroquias ao longo do día dando vivas a veciños e visitantes, acompañados dun "exército" de abandeirados, coros, comparsas e parrandas. Rematan escenificando un atranque ou alto, enfrontamento dialéctico por parellas, aproveitado para facer burla e sátira de asuntos locais, de política ou do corazón.
Toda a información do Entroido dos Xenerais da Ulla pode consultarse en www.xeneraisdaulla.com
e nas distintas contas que o grupo dos oito Concellos está impulsando nas principais redes sociais para promocionar o evento: Facebook, Twitter e Instagram.