O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos

Bando do San Martiño

| compartir:

Benquerida veciñanza, estamos de festa, chegou a Feira de Francos!

Neste 2022 cabalgamos na, como pouco, 465 edición da nosa maior festividade. O pasado sábado lanzamos o ARRE, SAN MARTIÑO! coas “palabriñas” do roqueiro veciño Xosé Manuel Piedra, de Deseqilibrio mental, que vén de lanzar o disco ‘Irmáns’ , entoando o ‘Falta fai’ de Deví e Medomedá. Deseguido, estreamos o estandarte sanmartiñés, coa imaxe oficial creada e doada polo xenial Quintana Martelo en 2017, que ficará chantado onda a escultura do cabalo de Camilo Seira até poñerlle o ramo á feira. Esta edición vén chea de música. Xa escoitamos a Treixadura e xa pasamos a Feiriña, o domingo, feita á medida da xente miúda. De véspera temos os III Cantos de Taberna animando as concorridas polbeiras e, xa na Feira, Cé Orquestra Pantasma, o cego, a banda de gaitas de Calo e outras animacións. E remataremos na Refeira con Boyanka Kostova.

Na antevéspera penduramos, na carpa pública municipal, a exposición ‘Ollares’ con algunhas das imaxes captadas o ano pasado por Noel Feáns, Charo Lopes e Óscar Corral e estreamos páxina web propia www.sanmartiño.teo.gal para termar dos recordos da feira ano a ano.

No que respecta ao día propio, o 11, arrinca á alba coa feira cabalar, que enche de bestas a carballeira nun espectáculo sen parangón mantido polo pobo desde aquel 1557, en que existe constancia documental da súa celebración. Tamén temos, a maiores do xa citado, exposición de razas equinas e mostra de gornicións; un feixe de actividades na carpa pública ao redor do lema: En San Martiño, pan e viño con demostracións panadeiras, artesanía teense, e a presentación do libro A nación dos mil viños, entre outras. Non faltan as habituais funcións dos monicreques na Barraca de Barriga Verde e, xaora, xente a carradas, polbo a esgalla e sol a fartar!

O XO, SAN MARTIÑO! berrarémolo o domingo 13 de novembro, conmemorando o 20º aniversario do NUNCA MÁIS! Lembrando a infame marea negra causada tralos seis días de paseo do Prestige por diante da nosa costa ata que afundiu, a 250 km fronte ás Cíes, cunhas 1.500, das 77.000 toneladas de fuel que transportaba, aínda no seu interior, e que alí seguen… Vinte anos do xurdimento do NUNCA MÁIS! Dicía, onte, a benquerida cantante Uxía Senlle: “Creo que todas temos un remuíño de imaxes en branco e negro, pero tamén unha serie de imaxes a cor da sociedade que lle plantou cara ao desastre e á incompetencia cunha paixón e cunha determinación que non esqueceremos na vida”. Pois iso, MEMORIA E DIGNIDADE! Faremos un magosto reivindicativo amenizado cun monólogo de Carlos Santiago e a pintura en directo dun mural conmemorativo da artista local Raquel Germade. Vinde!

Unha outra lembranza, o noso San Martiño segue a agardar pola declaración da nosa feira como FESTA de INTERESE TURÍSTICO. Hai ben de tempo que o solicitamos pero a Xunta de Galicia segue sen nos outorgar un recoñecemento concedido, máis de vinte anos atrás, ás outras tres feiras máis andadas do país: as San Lucas de Mondoñedo, de 866 anos; a de Santos, en Monterroso, de 572, e o San Froilán de Lugo, de 268.

Permitídeme para pechar, unha derradeira mensaxe: O agradecemento infindo de ser o alcalde do sitio onde nacín estes oito anos. Abur!

Arre, San Martiño, sempre!

En Teo, a 9 de novembro de 2022

Rafa Sisto

bando

San Martiño

Arquivos descargables

Adjunto Tamaño
BandoAlcaldía-SM2022 (1).pdf 213.27 KB