O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
A Organización das Nacións Unidas manifestou, en diferentes ocasións, que a violencia contra as mulleres é unha vulneración de dereitos humanos que alcanza proporcións pandémicas, afectando de xeito desproporcionada ás mulleres polo feito de selo.
No estado español, durante o ano 2022, o número de mulleres asasinadas por violencia de xénero ascende a 38 e a 1.168 desde 2003, namentres que o número de menores asasinados e asasinadas por violencia de xénero ascende a 2 en 2022 e a 48 desde 2013.
Estas dramáticas cifras son unha triste cuantificación da violencia estrutural que atravesa a nosa sociedade e un sistema patriarcal que atopa máis doado solucións dende a culpabilización, o medo e a submisión que dende o cambio de paradigma e poñendo un límite claro á violencia de xénero.
Desde o Concello de Teo queremos reiterar, máis un ano, neste 25 de novembro, o noso compromiso na loita pola erradicación das violencias contra as mulleres e combatelas con todos os recursos ao noso alcance, e incluír a todas e a todos nesta loita: axentes sociais, institucións, cidadanía, medios de comunicación… recoñecendo a importancia do papel das entidades locais en tanto poderes públicos próximos ás realidades que viven as mulleres e as crianzas.
Queremos tamén expresar con firmeza o rexeitamento outras formas de violencia machista relacionadas cos dereitos sexuais e reprodutivos, como a explotación sexual, a trata de mulleres e nenas, o matrimonio forzado, a mutilación xenital feminina ou a violencia na rede, que están presentes na nosa sociedade e reclaman unha actuación inmediata. De igual maneira todos estes tipos de violencia vense exponencialmente agravados nos casos de discriminación por razón de discapacidade, idade, orientación sexual, ou diversidade étnica e cultural, ou de mulleres migrantes, mulleres en zonas rurais e traballos na economía informal ou traballadoras do fogar, entre outras interseccionalidades, e moi especialmente, en contextos humanitarios e situacións de conflito onde se incrementa enormemente o risco para as mulleres de sufrir as peores formas de violencia.
Situámonos ante unha realidade innegable que nos interpela a todos e todas, aos gobernos, as institucións, ao movemento asociativo e á sociedade en xeral, obrigándonos a unha acción decidida en pro da erradicación da violencia contra as mulleres e das actitudes sociais que a toleran, a xustifican ou incluso a banalizan. É preciso intensificar os esforzos para combater o machismo e condenar socialmente todas as actitudes, prácticas e condutas que consenten e reproducen as violencias machistas.
En suma, o Goberno do Concello de Teo recoñece que a loita contra a violencia machista é unha política central na consecución dun país máis xusto, libre e igualitario, e envía unha mensaxe de recoñecemento e homenaxe a todas as mulleres, nenas e nenos vítimas da violencia machista que xa non están entre nós.