O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos

Cultura pon en marcha a Festa dixital das letras teenses

| compartir:

Despois da posta en marcha da semana do libro co título “UN LIBRO UNHA APERTA” continuamos dende a Concellaría de Cultura, Educación, Administración e Relacións Veciñais coas programacións telemáticas, neste caso para todo o mes de maio, co programa Festa dixital das letras teenses.

O obxectivo principal desta iniciativa é homenaxear e poñer en valor o noso, conmemorando de xeito virtual as letras na escrita e na oralidade que se foron espallando en Teo tanto antes do confinamento como durante este, e que estiveron e están presentes nas realidades das diferentes esferas culturais dunha boa parte do Concello de Teo.

Baixo o lema Festa dixital das letras teenses enmarcamos unha serie de accións culturais virtuais que xirarán arredor da recompilación, divulgación, conservación e a posta en valor das letras que se foron materializando, publicando e espallando polo noso territorio. Levaranse a cabo en colaboración de distintas entidades que axudan a tecer e medrar o noso Concello no eido educativo e cultural das letras como son: asociacións, colectivos, centros educativos, librarías, escritores e escritoras, contadores e contadoras, compañías teatrais e veciñanza en xeral. Estas publicaranse diariamente entre o 1 e o 31 de maio no https://www.facebook.com/bibliotecas.municipais.deteo/

A Festa dixital das letras teenses, pretende simbolizar a través das redes, por unha banda o poder das letras na cultura do noso municipio, e pola outra a esperanza de retomar pouco a pouco cada unha destas actividades culturais cando superemos este escenario de crise. Con este programa quixemos enfiar unha boa parte destas iniciativas nestes momentos de semiapertura e envialas como un aloumiño cultural tanto ás familias como aos veciños e veciñas que están nas súas casas aínda co confinamento. Tamén quixemos tecer unha pequena homenaxe ás entidades e persoas colaboradoras que tanta cultura levan sementando na nosa terra.

Dende esta Concellaría creemos firmemente no talento da nosa cultura local, e seguiremos apoiando e apostando por ela. Cando todo isto pase, queremos volver a vernos de novo con máis forza ca nunca nas asociacións, nas casas comúns, nas bibliotecas, nas librarías, nos teatros, nos auditorios, nas rúas, nas festas, nos eventos e demais espazos de cultura do noso Concello. Moitas grazas pola vosa colaboración, enviámosvos o noso ánimo, tranquilidade, solidariedade, comprensión e responsabilidade persoal e colectiva para todos e todas.

No blog das Bibliotecas de Teo podes ver a actualización diaria da Festa dixital das letras teenses.

  1. No día 1 lembramos a obra de Salvador García Bodaño  e o traballo da AC Rosalía de Castro de Cacheiras.
  2. No día 2 lembramos a obra de Hilario Teo Ferreiro e tivemos o contacontos A nena que quería navegar con Redrum Teatro.
  3. No día 3 lembramos a obra de Gonzalo R. Mourullo e tivemos Microcontos con Lola e Nerea.
  4. No día 4 lembramos a obra de Antón Dobao e o traballo da Banda de Música da S.R. de San Xoán de Calo.
  5. No día 5 lembramos a obra de Pilar Buela e o traballo da AC A Mámoa de Luou.
  6. No día 6 lembramos a obra de Xosé María Lema Suárez e o traballo do CEI A Ramallosa.
  7. No día 7 lembramos a obra de Otilia Seijas e o traballo de Aspamite.
  8. No día 8 lembramos a obra de Valentín Carrera e o traballo do Arquivo municipal.
  9. No día 9 lembramos a obra de Bonifacio Suárez e o traballo da Plataforma Casalonga Limpa de Residuos.
  10. No día 10 lembramos a obra de Rosa Gómez Limia e os letras do sorriso do día de Reis 2020.
  11. No día 11 lembramos a obra de Pilar Alén Garabato e contamos coas recomendacións lectoras da Librería Os Tilos.
  12. No día 12 lembramos a obra de José Antonio Galego Fernández e as letras musicais da Banda de Música Cultural de Teo.
  13. No día 13 lembramos a obra de Xan G. Muras e o traballo do CRA de Teo e o IES de Cacheiras.
  14. No día 14 lembramos a obra de Claudia Castro e o traballo do grupo Adail da S.R. de San Xoan de Calo.
  15. No día 15 lembramos a obra de Xosé Luis Santos Cabanas e o traballo da asociación Teenses pola igualdade.
  16. No día 16 lembramos a obra de Avelino Pousa Antelo e desdrutamos coa lectura de Loís Blando Araúxo.
  17. No día 18 lembramos a obra de Enrique Raviña e contamos coas recomendacións literarias da Vagoneta educativa. 
  18. No día 19 lembramos a obra de Fernando Acuña Castroviejo e o traballo do Colectivo A Rula. 
  19. No día 20 lembramos a obra de Beatriz García Turnes e o traballo do tecido educativo do CEIP A Igrexa Calo.
  20. No día 21 lembramos a obra de José Ramón Bouzas Caamaño e o traballo da Asociación A Regionalista.
  21. No día 22 lembramos a obra de Ramón Villares Paz e o traballo da asociación BolboreTeo familias teenses para a neurodiversidade.
  22. No día 23 lembramos a obra de Paula Carballeira Cabana.
  23. No día 24 lembramos o traballo de Rocío Botana Iglesias e destacamos a importancia dos atranques no entroido dos xenerais.
  24. No día 25 lembramos a obra de Xoán Xosé Fernández Abella e o contamos coas recomendacións literarias de Ana Mella, da Librería d´Ana.

Achegamos o programa premendo aquí, onde podedes ver a programación detallada e as entidades colaboradoras e onde iremos publicando e actualizando os contidos:

Blog das Bibliotecas de Teo https://mediatecadogrilo.wordpress.com/

E as seguintes redes sociais:

Facebook: https://www.facebook.com/bibliotecas.municipais.deteo

Twitter: https://twitter.com/bibliosteo

Youtube: https://www.youtube.com/channel/UCKBI95wPtlBXkUqYI-51i3A

programacolaboradores

cartel

Arquivos descargables