O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
Despois da posta en marcha da semana do libro co título “UN LIBRO UNHA APERTA” continuamos dende a Concellaría de Cultura, Educación, Administración e Relacións Veciñais coas programacións telemáticas, neste caso para todo o mes de maio, co programa Festa dixital das letras teenses.
O obxectivo principal desta iniciativa é homenaxear e poñer en valor o noso, conmemorando de xeito virtual as letras na escrita e na oralidade que se foron espallando en Teo tanto antes do confinamento como durante este, e que estiveron e están presentes nas realidades das diferentes esferas culturais dunha boa parte do Concello de Teo.
Baixo o lema Festa dixital das letras teenses enmarcamos unha serie de accións culturais virtuais que xirarán arredor da recompilación, divulgación, conservación e a posta en valor das letras que se foron materializando, publicando e espallando polo noso territorio. Levaranse a cabo en colaboración de distintas entidades que axudan a tecer e medrar o noso Concello no eido educativo e cultural das letras como son: asociacións, colectivos, centros educativos, librarías, escritores e escritoras, contadores e contadoras, compañías teatrais e veciñanza en xeral. Estas publicaranse diariamente entre o 1 e o 31 de maio no https://www.facebook.com/bibliotecas.municipais.deteo/
A Festa dixital das letras teenses, pretende simbolizar a través das redes, por unha banda o poder das letras na cultura do noso municipio, e pola outra a esperanza de retomar pouco a pouco cada unha destas actividades culturais cando superemos este escenario de crise. Con este programa quixemos enfiar unha boa parte destas iniciativas nestes momentos de semiapertura e envialas como un aloumiño cultural tanto ás familias como aos veciños e veciñas que están nas súas casas aínda co confinamento. Tamén quixemos tecer unha pequena homenaxe ás entidades e persoas colaboradoras que tanta cultura levan sementando na nosa terra.
Dende esta Concellaría creemos firmemente no talento da nosa cultura local, e seguiremos apoiando e apostando por ela. Cando todo isto pase, queremos volver a vernos de novo con máis forza ca nunca nas asociacións, nas casas comúns, nas bibliotecas, nas librarías, nos teatros, nos auditorios, nas rúas, nas festas, nos eventos e demais espazos de cultura do noso Concello. Moitas grazas pola vosa colaboración, enviámosvos o noso ánimo, tranquilidade, solidariedade, comprensión e responsabilidade persoal e colectiva para todos e todas.
No blog das Bibliotecas de Teo podes ver a actualización diaria da Festa dixital das letras teenses.
Achegamos o programa premendo aquí, onde podedes ver a programación detallada e as entidades colaboradoras e onde iremos publicando e actualizando os contidos:
Blog das Bibliotecas de Teo https://mediatecadogrilo.wordpress.com/
E as seguintes redes sociais:
Facebook: https://www.facebook.com/bibliotecas.municipais.deteo
Twitter: https://twitter.com/bibliosteo
Youtube: https://www.youtube.com/channel/UCKBI95wPtlBXkUqYI-51i3A
Attachment | Size |
---|---|
Programa Mes Letras teenses-02_0.jpg | 1.64 MB |
Cartel Colaboración Mes Letras teenses-01_1.jpg | 1.92 MB |