O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
1- Presentación
O Arquivo é o servizo público especializado na xestión, tratamento, custodia e difusión da documentación municipal.
É tamén o lugar onde o Concello reúne, conserva, organiza e pon a disposición da veciñanza e investigadores os documentos que dan testemuño dos feitos acontecidos ao longo da historia do noso concello.
O responsable do servizo é Pablo Sanmartín.
Horario de atención ao público: de 09:00 a 14:00 (de luns a venres)
2 - Localización e instalacións do arquivo
Logo de diferentes emprazamentos, o arquivo municipal de Teo atópase arestora na planta baixa do Auditorio Constante Liste, un edificio polivalente de usos culturais e sociais contiguo á casa consistorial edificado no ano 1999 segundo o proxecto da arquitecta Mercedes Rosón.
O espazo destinado ó arquivo foi acondicionado en dúas fases, no ano 2002-2003 instálase o compacto aproveitando unha subvención da Xunta de Galicia. No ano 2010 cos fondos do programa FEIL 2009 do Ministerio de Política Territorial e Administración Pública realízase unha reforma integral das dependencias do servizo que supuxo unha mellora substantiva na conservación e tratamento da documentación ao reducir os niveis de humidade e evitar as oscilacións térmicas (coa instalación dunha nova caldeira) e por outro, iniciar nunha nova vocación pública que permite dar a coñecer este servizo á veciñanza.
As instalacións do arquivo distribúense en dúas zonas:
ÁREA RESERVADA ÁREA PÚBLICA
* DEPÓSITO * SALA DE CONSULTA/EXPOSICIÓNS
* ÁREA DE TRABALLO TÉCNICO
3. Equipamento
O equipamento actual do arquivo componse dun compacto (sistema denso) ao longo de toda a parede oeste do depósito, cun total de 11 armarios (en breve ampliarase con 3 armarios máis) de dobre cara de 2,10 m de altura e 6,20 de ancho. Conta con 660 baldas que albergan máis de 900 ml. de documentación. Existen, a súa vez, dous grandes estantes metálicos convencionais empregados para a instalación provisional da documentación procedente das transferencias remitidas periodicamente ao arquivo dende as diferentes oficinas e dependencias do Concello.
4. Fondos documentais
O fondo documental que se conserva no Arquivo Municipal está formado basicamente por documentación xerada pola materialización das competencias, funcións e actividades da Administración municipal de Teo dende a segunda metade do século XIX, e en concreto dende o propio ano da constitución do Concello no 1836 ata a actualidade.
Trátase pois dun fondo documental aberto que nos permite coñecer, analizar e estudar todos aqueles aspectos e asuntos nos que o Concello intervén a raíz das súas atribucións na xestión e goberno do termo municipal.
Son documentos de interese público que conteñen información impresa, reproducida ou almacenada en calquera soporte que dea constancia dun feito ou acto realizado ou relacionado directa ou indirectamente cos órganos e dependencias municipais cuxo contido sexa relevante para a sociedade (expedientes, actas, xornais, planos, carteis, fotografías en diferentes formatos, filmes, casetes, disquetes, discos compactos, memorias usb, ou calquera outro medio que a tecnoloxía permita desenvolver).
O carácter de arquivo administrativo e á vez histórico, faino susceptible de ser empregado por un amplo abano de usuarios, atendendo ás diferentes posibilidades de aproveitamento da documentación e da información contida: políticos, técnicos e traballadores municipais, xestores administrativos, avogados, cidadáns en xeral, estudantes, xenealoxistas, historiadores, etc. e as consultas poden así mesmo, estar motivadas por razóns igualmente diversas: de carácter informativo, técnico, histórico, xurídico, fiscal, legal, etc.
Na actualidade o arquivo custodia máis de 900 ml de documentación, integrada por máis de 5000 unidades de instalación (caixas, libros, e outros). O programa de xestión arquivística abrangue máis de 23.000 rexistros que describen a documentación segundo as normativas de descrición arquivística e o cadro de clasificación de fondos proposto polo Grupo de Traballo de Arquivos da Administración Local de Galicia, adoptado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellaría de Cultura e Deportes.
Aínda que o proceso de organización e clasificación dos fondos non esta rematado podemos salientar, a modo de resumo, as seccións e series documentais máis significativas que integran o cadro de clasificación do Arquivo.
Ver resumo do cadro de clasificación das series documentais máis importantes do Arquivo municipal.
5. Servizos do arquivo municipal
O arquivo municipal é un exemplo máis do camiño de optimización e modernización xeral do Concello teense, proporcionando os seguintes servizos:
Servizo de préstamos internos ás oficinas e servizos do Concello
Servizo de consulta e información á cidadanía. As limitacións a este dereito non son outras que as derivadas da natureza dos documentos, do seu estado de conservación ou das impostas pola lexislación vixente. Estas consultas poderán ser presenciais, por teléfono, fax, correo postal ou electrónico. A cidadanía poderá libremente acceder á consulta dos instrumentos de descrición do Arquivo. Malia todo para acceder á documentación deberán presentar unha instancia no Rexistro Xeral do Concello segundo un modelo normalizado no que farán constar:Nome, apelidos, domicilio e DNI do/a interesado/a.Descrición do documento que desexa consultar.Acreditacións do/a solicitante como parte interesada, mediante o DNI, autorizacións, escrituras de propiedade, delegacións...Motivo e finalidade da consulta.
Servizo de consulta e información ao historiador e investigador. Os/as investigadores e historiadores poderán consultar a documentación nos termos e condicións expresados pola cidadanía en xeral, pero deberán comprometerse a non publicar nomes ou descricións que poidan identificar aos cidadáns ou cidadás, preservando a súa intimidade.
Servizo de reprografía. Poderán realizarse copias daqueles documentos que carezan de limitacións legais para o seu acceso e reprodución, previa solicitude e pago das taxas correspondentes.
Biblioteca Auxiliar. O arquivo conta cunha pequena biblioteca especializada en arquivística, dereito administrativo (repertorios lexislativos, monografías) e historia local que recolle todas as publicacións editadas polo Concello nos últimos anos e aquelas que fan referencia directa á historia teense dende diferentes eidos. Tamén abrangue un importante colección de publicacións periódicas da chamada “prensa societaria” , revistas tan relevantes para o estudio do asociacionismo agrario e aspectos sociais e culturais como “Unión de Teo e Vedra”.
Difusión cultural. Sen esquecer as funcións que lle son propias, o arquivo atópase ao servizo da investigación e da cultura, polo que dende 2013 están a promoverse actividades divulgativas e pedagóxicas para dar a coñecer á veciñanza, moi particularmente aos e ás escolares do termo municipal, os fondos do Arquivo. Neste senso, a nova reforma do Arquivo non só permitiu a mellor conservación dos documentos e a atención aos usuarios e usuarias senón tamén a organización de visitas de diferentes colectivos sociais que poidan ter interese no patrimonio documental e na historia teense (ver folleto das visitas escolares). Neste labor divulgativo cabe salientar, por unha banda o proxecto de dixitalización das principais series documentais do fondo histórico, iniciado en 2015 coas actas plenarias, que permite arestora a consulta de expedientes que debido o mal estado de conservación dos orixinais non era posible a súa consulta. Por outra banda, continuamos coa dixitalización dos planos e fotografías máis relevantes que recollen os expedientes do fondo municipal así como as achegas de copias dixitalizadas procedentes das diferentes doazóns realizadas por particulares e diferentes entidades nestes últimos anos.