O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos

Economía

O concello de Teo conta cunha taxa de actividade xeral do 55,4%, da que lle corresponde un 68,8% ao sector masculino e un 42,9% ao feminino, mentres a taxa do paro é do 9,5%.

Por sectores, as actividades agropecuarias (que ocupan o 2,8% da poboación activa) teñen unha maior importancia nas parroquias rurais de máis ao sur, e algunha zonas do norte onde a agricultura se convertiu nunha actividade a tempo parcial. Así, das 1.172 explotacións coas que conta o concello, a maior parte dedícanse a hortas, pastos e espazos forestais. Os cultivos hortícolas supoñen unha fonte de ingresos importante, xunto ao cultivo da vide (que ocupa 71 hectáreas). A gandaría porcina, que conta con 1.774 cabezas, é a máis destacada.

No sector secundario, que agrupa o 28,2% da poboación activa, o reparto é practicamente igualitario entre a industria (14,2%) e a construción (14%) e encabézano as empresas transformadoras de madeira e de metal.

O terciario é o sector que ocupa á maior parte da poboación activa en Teo, o 69%. A maior parte dos empregos sitúanse no sector comercial, tanto por parte dos que traballan no propio concello como os que se desprazan cara a Santiago de Compostela.

A principal razón deste desenvolvemento é a situación do concello, periférica respecto de Santiago, e que fixo que moitas empresas compostelás se asentasen nas parroquias de Calo, Cacheiras e Os Tilos onde o solo era máis barato e dispoñían de boas comunicacións. A maioría das empresas son concesionarias de automoción e de comercio por xunto de calzado e limpeza. A principal particularidade do municipio neste sentido é que conta con produtoras de televisión como CTV S.A. ou co Plató 1000, utilizado pola Televisión de Galicia.