O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
Está mañá presentouse na Casa Común dos Tilos a programación para conmemorar o 170 aniversario da Batalla de Cacheiras. Estiveron presentes a Concelleira de Cultura, Pilar Faxil e o Concelleiro de Deportes, Jorge Carballido. Acompañáronos no acto o mestre Humberto Busto, o escritor Xosé María Lema e, pola parte deportiva, o ciclista Ezequiel Mosquera, responsable técnico da carreira pedestre, e a atleta Yolanda Gutiérrez.
Pola parte de Cultura, a Concelleira de Cultura recalcou que coa conmemoración da batalla “non celebramos unha guerra, senon un acto histórico que marcou a historia da Galicia contemporánea” que serviu ademais como “semente do nacionalismo galego”. Busto e Lema fixeron unha conextualización histórica da Batalla de Cacheiras e contaron os inicios do intercambio que se produce entre os alumnos do IES de Cacheiras e o IES de Carral e que ten lugar dende o ano 2000.
Pola banda de Deportes destacouse o percorrido que se seguirá na carreira pedestre do día 24 de abril, unha carreira, coa que, en palabras de Carballido “quérese poñer en valor o trazado orixinal da batalla”. Mosquera explicaba que a pecualiaridade da proba permitirá que “os participantes vexan que temos unha proba distinta”. Pola súa banda a atleta teense Yolanda Gutiérrez animou a todos os/as afeccionados/as a participar nunha proba de dificultade media cun trazado moi atractivo.
Actividades culturais
O Concello de Teo comezará o vindeiro sábado 16 de abril coas actividades conmemorativas da Batalla de Cacheiras. Este ano, as Concellarías de Cultura e Deportes únense e tódalas actividades irán da man, unificadas nunha semana que irá dende o sábado 16 de abril ata o domingo 24.
En primeiro lugar, os teenses poderán desfrutar da obra teatral “Abril de lume e ferro”, interpretada polo Grupo de Teatro da Asociación Teatral e Cultural Abril de Lume de Ferro. Esta obra, de Manuel María, versa sobre a Batalla de Cacheiras e os Mártires de Carral. Terá lugar o sábado 16 de abril as 21:00 horas no Centro Sociocultural da Ramallosa e a entrada será de balde.
As actividades terán un parón ata o venres 22, cando o alumnado do IES de Cacheiras e do IES de Carral farán o seu habitual intercambio, percorrendo o trazado que seguiu o exército do Xeneral de la Concha no ano 1846. O paseo estará acompañado de explicacións didácticas acerca da batalla.
Ás 20:00 horas dese mesmo día, presentarase na Mediateca do Grilo unha publicación para conmemorar o 170 aniversario da batalla con artigos de Ramón Villares Paz, Xosé María Lema Suárez e Eduardo Pardo de Guevara y Valdés. Ademais, o documento conta cun prólogo do Alcalde de Teo, Rafael Sisto.
Un dos textos é completamente inédito, mentres que os dous relatos foron publicados en publicacións locais de curto alcance, polo que agora se pretende darlles relevancia, xa que, ao contrario que outras publicacións sobre a loita do ano 1846, estas céntranse só no acaecido no noso municipio.
O día 23 haberá outra Ruta Interpretativa, desta vez, aberta a todos os veciños. Comezará a partir das 9:30 horas dende o campo da Festa de Bamonde, onde se lle explicará aos participantes a relevancia da Reitoral, na que pernoitou o Xeneral de la Concha antes de tomar camiño cara a Montouto.
Despois, un autobús trasladará aos asistentes a Pena Escorredía (Montouto), dende onde comezará o percorrido, que dende alí pódese facer dun xeito máis sinxelo. Polo camiño, irase parando en puntos ou construcións importantes na batalla, dos que se explicará o seu interese histórico. As prazas desta iniciativa están limitadas a 50, polo que será necesario inscribirse no Departamento de Cultura ou chamando ao número 981 815 700 antes do día 22 de abril.
En último lugar, o domingo 24 de abril celebrarase a Carreira Pedestre. Organizada dende a Concellaría de Deportes, está aberta tanto a atletas federados como non federados. Este ano os corredores discorrerán polo trazado orixinal, unha oportunidade de desfrutar da historia de Galicia e do deporte.
Na carreira están establecidas as seguintes categorías, nas que haberá que inscribirse na web emesports.es antes do día 20 de abril.
- Pitufo: Saída as 12:00 horas. Percorrido de 150 metros.
- Prebenxamín: 12:04 horas. Percorrido de 430 metros.
- Benxamín: 12:15 horas. Percorrido de 860 metros.
- Alevín: 12:45 horas. Percorrido de 860 metros.
- Infantil, cadete e xuvenil: 13:00 horas. Percorrido de 1620 metros.
- Júnior, promesa, sénior e veterano: 10:45 horas. Percorrido de 9km.
Os prezos para participar serán gratuítos dende a categoría Pitufo ata a Infantil, cadete e xuvenil. Os corredores das categorías Júnior, promesa, sénior e veterano deberán abonar 5€. Ademais, os participantes destas últimas categorías terán que recoller os seus dorsais no Alto de Montouto a partir das 9:00 horas, ademais dun chip que terán que levar nunha das dúas zapatillas que deberá entregarse ao final da proba. Dende as 9:15 horas disporán de autobuses que os levarán cara ao punto de saída, en Bamonde.
As categorías inferiores correrán un circuíto habilitado para eles no alto de Montouto sendo ás 12:00 horas a saída dos pitufos.
Ao final da carreira, haberá premios en cada categoría, ademais de mencións especiais. Os participantes disporán de servizo de duchas no Polideportivo Municipal dos Tilos (a 500 metros do final da proba).
Para calquera dúbida, pódese contactar co Departamento de Deportes no 981 815 700.