O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
A compañía teatral Chévere vén de abrir a convocatoria para un obradoiro de prácticas de creación dirixido a mozos e mozas de entre 18 e 25 anos, que se desenvolverá os días 21 e 22 de decembro no CSC A Ramallosa, en Teo.
O obxectivo deste obradoiro, posto en marcha co apoio do Concello de Teo, é abrir un espazo de interacción, transmisión de coñecementos e diálogo interxeracional entre unha compañía con décadas de traballo ao lombo e un grupo de actores e actrices que estean dando os seus primeiros pasos no mundo da escena. Un obradoiro que servirá para coñecer e familiarizarse coas prácticas teatrais de Chévere e para realizar un traballo de inmersión no proxecto Eroski Paraíso, a nova produción da compañía para 2016, con posibilidade de incorporar algunha das persoas participantes ao elenco da obra.
Este obradoiro enmárcase dentro do proxecto da Berbereceira, un espazo para sementar proxectos escénicos de xestión colectiva, un laboratorio de creación sustentado en redes estables de cooperación, un lugar de encontro e diálogo entre creadores, públicos e axentes culturais.
LUGAR E HORARIO
O obradoiro desenvolverase no CSC da Ramallosa, no concello de Teo. O luns 21 haberá unha sesión de mañá (11,00h. a 14,00h.) e outra de tarde (16,00h. a 20,00h.). O martes 22 haberá unha sesión de mañá (10,30h. A 14,30h.).
REQUISITOS
Ter entre 18 e 25 anos.
Dominio da lingua galega.
Ter disponibilidade para traballar con Chévere a partir de xaneiro de 2016.
SOLICITUDES
As persoas interesadas deberán enviar antes do 4 de decembro un correo electrónico a info@grupochevere.eu poñendo no asunto “obradoiro chévere” e xuntando a seguinte documentación:
-curriculum, no que figure o nome completo, idade, contacto e enlaces a vídeos de traballos feitos se os houbese (non é imprescindible experiencia previa).
-un vídeo de presentación en primeira persoa: cóntanos a historia da primeira vez que fuches a unha discoteca (con quen bailaches, que música…). Duración máxima 3 minutos.
Entre as solicitudes recibidas farase unha selección de 12 participantes como máximo. As persoas seleccionadas recibirán a confirmación antes do 11 de decembro.
Sobre Chévere
Chévere é unha compañía con máis de 25 anos de traxectoria, comandada por Miguel de Lira, Patricia de Lorenzo, Xron e Manuel Cortés, e gañadora del Premio Nacional de Teatro 2014. Dende a súa creación, a compañía actuou en centos de vilas e cidades de toda Galicia, España, Portugal e outros países europeos, latinoamericanos e africanos.
Chévere ten feito espectáculos de moi diferentes estilos e formatos,, e ten traballado en espazos pouco convencionais. Sempre co humor como filosofía e o sorriso como expresión, as súas obras levan ao escenario os debates do presente cunha linguaxe contemporánea accesible a públicos moi diversos.
O seu compromiso coa creación contemporánea e coa dinamización de contornas locais levou a compañía a crear a Nave de Servizos Artísticos-Sala Nasa en Santiago de Compostela, un espazo cultural independente no que Chévere asumiu la dirección artística dende 1992 a 2011 e que se converteu nun nodo especialmente activo da escena alternativa española.
Máis información e consultas sobre o obradoiro: 981 594996 (10h. a 14h.) e info@grupochevere.eu