O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
O Departamento de Benestar do Concello de Teo pon en marcha as actividades do programa de envellecemento activo que contemplan varias disciplinas e neste ano contan xa con case 350 usuarios/as. Trátase de clases semanais que comezan a primeiros de ano e rematan en decembro, cun descanso no período estival. Segundo explica Ignacio Iglesias, concelleiro da área “presentamos unha oferta para que as persoas maiores teñan unha mellor calidade de vida potenciando o exercicio físico ou a memoria e que contan cunha ampla aceptación ano tras ano”.
Neste momento están funcionando quince grupos de ximnasia terapéutica repartidos en lugares de Calo, Cacheiras, Lampai, Ramallosa, Luou, Rarís, Os Tilos, Oza, e Vilariño; comezando este ano un novo grupo en Solláns. Na piscina municipal da Ramallosa tamén se oferta natación. A maiores das actividades máis centradas na actividade física hai talleres que levan moitas edicións funcionando con éxito como son o de estimulación cognitiva en Calo, Luou, Recesende e Vilariño ou bolillos e pintura que se realizan en Lucí. O programa de envellecemento activo está financiado polo Concello e conta con axudas da Deputación resultando gratuíto para os/as participantes agás piscina, cun custo mensual de seis euros.
Neste momento todos os grupos teñen as prazas cubertas excepto pintura e bolillos que aínda comezan en marzo. No caso da natación tamén hai prazas libres aínda e as persoas interesadas poden anotarse chamando ao 981 809 707. As clases son os martes de 09:30 a 10:15 horas, os mércores de 10:30 a 11:15 horas e os xoves de 12:00 a 12:45 horas.
Excursións
Por outra banda dende Benestar tamén lembran que xa é público o programa de excursións anuais ofertado ás persoas maiores. Comezarán en febreiro cunha saída o 25 ás termas de Outariz en Ourense. En abril a saída será de dous días, o 23 e 24 de abril, a Salamanca. En maio a excursión farase a Tui, A Garda e Baiona o 28, en setembro a Taramundi (Asturias) e Meira o 24 e en outubro o 29 a Coruña. Para anotarse hai que facelo na primeira quincena do mes no que se faga a saída nos servizos sociais chamando ao 981 809 707.