O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos

O Concello aforra case un 30% coa licitación dos seguros

| compartir:

O Concello de Teo vén de rematar a licitación dos seguros asinando os contratos cos adxudicatarios a semana pasada. Esta contratación, segundo informa a concelleira de Administración, Conchi García, "permite un aforro de case un 30% do que se viña gastando xa que se acadou un aforro de ó redor de 17.000 euros en todos os riscos cubertos, pasando de 61.000 a 44.000 euros".

A concelleira explica que dende o pasado ano o Concello "vén realizando unha reformulación dos contratos de servizos co obxectivo de mellorar as prestacióins e reducir os custes dos mesmos". Agora acaba de adxudicarse o contrato dos seguros e xa se está traballando na licitación de todos os servizos de comunicación e telefonía fixa e móbil.

No caso dos seguros "traballouse sobre unha optimización dos contratos de seguros, concentrando os riscos de natureza similar que estaban separados en distintas pólizas, incrementáronse as coberturas e rebaixáronse as contías" indica Conchi García.

Deste xeito sacouse unha licitación por lotes: seguro de responsabilidade civil, seguro multirisco sobre os edificios e instalacións municipais, seguro de accidentes e seguro de vehículos e maquinaria agrícola do Concello. Cada un dos lotes tivo unha adxudicataria distinta.

A concelleira de Administración explica que "ademais do aforro con esta nova contratación prodúcese un incremento xeral en todas as coberturas, subindo o teito indemnizatorio da póliza de responsabilidade civil a un 267% do importe inicial (de 600.000 a 1.600.000 euros) e incrementouse o capital asegurado na póliza de danos propios ao 371% do capital inicial". Tamén desapareceron franquías das pólizas de danos propios, rebaixáronse as de responsabilidade civil e aumentaron os límites indemnizatorios nas coberturas por accidentes.

 

Licitación seguros