O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos

O CONCELLO DE TEO ACTUALIZA A TOPONIMIA NA CARTOGRAFÍA DOS CENTROS ESCOLARES MUNICIPAIS

| compartir:

Durante esta mañá, coincidindo coa semana dedicada a Rosalía de Castro, o alcalde de Teo, Rafael Sisto, xunto coa concelleira de Educación, Salomé Beiroa, percorreron os tres CEIPs municiapais (Calo, Os Tilos e A Ramallosa) para participar xunto cos escolares nunha acción de normalización lingüística, un intercambio de cartografía antiga e deturpada por novos mapas cos actuais topónimos.

Foron os propios centros os que reclamaban este material e o Concello quen xestionou a súa compra e entrega neste día. O propio alcalde, Rafael Sisto e Salomé Beiroa, concelleira de Educación, visitaron os centros de ensino da Ramallosa, Os Tilos e Calo para realizar este intercambio de cartografía e compartir o seu tempo cos escolares.

 

Nos centros, os e as escolares, que previamente tiñan traballado xunto co profesorado na procura dos mapas con topónimos actualmente incorrectos, compartiron unha charla con profesores e políticos na que se abordou a importancia do bo uso que se lle debe dar aos nomes de lugar, adaptándoos á realidade lingüística de cada lugar. Estas revisións toponímicas son habituais e constantes na historia xa que a onomástica topográfica é unha ciencia viva que muda con certa constancia, ben pola adaptación dos topónimos a cada unha das linguas, ben pola mudanza nas fronteiras xeográficas, ben pola creación de novos lugares, ben pola necesidade de nomear novos puntos xeográficos, etc. O alcalde, Rafael Sisto, tamén aproveitou para entregarlle ao alumnado a toponimia oficial do propio Concello e lembrarlles a importancia de nomear axeitadamente o máis próximo, os nomes de lugares e parroquias do propio Teo.

 

Os novos mapas que se entregaron son os máis empregados nas aulas e solicitados pola comunidade escolar: os mapas físico e político de Galicia, España e Europa.

 

Esta acción, realizada desde o Servizo de Normalización Lingüística, trátase dunha nova actividade desta área, que desde a última lexislatura depende directamente da Alcaldía municipal coa idea de traballar transversalmente con outros departamentos municipais e con grupos sociais como o é neste caso a comunidade educativa.

 

O Servizo de Normalización Lingüística, nesta nova etapa no seu funcionamento e co fin de mellorar e aproveitar ao máximo os recursos, participa, así mesmo, en actividades de ámbito supramunicipal en colaboración con outros concellos como o foi durante a época de Nadal coa actividade de Cartas de Nadal, xuto cos concellos de Ames e Santiago de Compostela; o Club de Debate, que actualmente está en fase de preparación por parte dun equipo do IES Cacheiras, organizado en conxunto por diferentes concellos das provincias da Coruña, Ourense e Pontevedra, e a recente inclusión no programa Apego, de dinamización lingüística na etapa infantil, que está en fase de desenvolvemento e que axudará as familias á hora de poder empregar recursos en lingua galega para a educación das súas fillas e fillos.

teo