O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
O Concello de Teo organiza as xornadas enogastronómicas culturais PicoTeo 2017 nas que participan dezanove establecementos de hostalaría local. O PicoTeo funcionará os días 20, 21, 22, 27, 28 e 29 de outubro e o 3, 4 e 5 de novembro. A clausura destas primeiras xornadas gastronómicas farase o 11 de novembro na Feira do San Martiño en Calo.
Segundo explica a concelleira de Promoción Económica, Conchi García, "traballamos e impulsamos estas xornadas como estratexia de desestacionalización turística e para dinamizar a oferta turística e enogastronómica no Concello de Teo". Os petiscos do Picoteo terán como protagonistas principais os queixos, os viños galegos e o pan con certificación de calidade.
Cada un dos petiscos ou dos menús presentados está maridado cun viño galego con denominación de orixe. Os prezos do pincho e a copa son 3 euros; da ración e dúas copas serán 7,5 euros e o menú con copa de viño serían 15 euros. O horario no que se servirán as tapas, racións e menús son de 13:00 a 16:00 horas e de 20:00 a 23:00 horas.
Establecementos participantes
Os establecementos que participan nesta iniciativa son os seguintes: Carboeiro, O Carmelo, A Capilla, Pazo de Adrán, As Brasas, Bariloche, O rincón de Sara, Congreso, Maradentro, Canaletto, A Veiga, Portugalicia, Armando Blanco, O Son do Miño, María Castaña, A Raiola, O Pintor, Chaves e Casa Pernas.
Podedes consultar premendo aquí os locais participantes.
E aquí a información sobre os petiscos que oferta cada local.
Eventos culturais
As xornadas enogastronómicas PicoTeo terán tamén un importante compoñente cultural e nos locais haberá música en vivo. Algúns establecementos terán sesión vermú e outras músicas nocturna. Tamén hai dúas ofertas musicais diferenciadas, cun grupo de gaiteiros ou un cuarteto de vento. Os músicos pertencen á banda da SR de Calo.
Quedamos de tapas
A información do PicoTeo poderase consultar tamén na web QuedamosdeTapas e na app do mesmo nome, dispoñible para a súa descarga en ios e android. Nesta aplicación poderase consultar os datos sobre os locais e a oferta gastronómica que presentan así como prezos, horarios e eventos culturais destas xornadas.
Clausura no San Martiño
Un dos momentos importantes do PicoTeo será a clausura, o 11 de novembro na feira do San Martiño. O programa dese día conta coa colaboración da consellería de Medio Rural e dos Consellos Reguladores dos produtos certificados galegos: dos viños (DO Ribeiro, Rías Baixas, Valdeorras, Monterrei e Ribeira Sacra), coma os queixos (DOP Queixo Tetilla, Arzúa Ulloa, San Simón da Costa e Cebreiro) como a IXP Tenreira Galega, Pataca Galega, Pan de Cea, Mexillón de Galicia, Mel de Galicia, Castaña de Galicia e Augardentes e licores tradicionais.
O programa do 11 de novembro virá moi cargado de actividades. Poderemos desfrutar do taller "Percorrer Galicia a través dos seus viños, dende dentro da copa" a cargo da sumiller Mercedes González; haberá unha demostración culinaria con produtos das distintas certificacións de calidade galegas; unha cata comentada dos catro queixos con denominación de orixe e elaboracións culinarias; un obradoiro de elaboración de pan e unha cata comentada dos viños teenses dentro da DO Rías Baixas. Na carpa municipal ese 11 de novembro tamén se darán a coñecer os resultados dos sorteos do PicoTeo 2017.
Premios
E as degustacións de todas estas tapas e racións tamén poden ter premio. As persoas que consuman no PicoTeo poderán participar en dous sorteos. Un deles de tres cestas con produtos gastronómicos do País no que se participará a trave´s dunhas urnas colocadas nos bares e restaurantes. O outro sorteo farase a través do facebook de TurismoTeo e o premio é unha cea para dúas persoas e unha noite de estancia nun aloxamento con encanto do Concello.
Attachment | Size |
---|---|
CARA A CARTAZ DO PICOTEO.pdf | 5.18 MB |
DORSO CARTAZ DO PICOTEO.pdf | 434.79 KB |