O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos

O Festival Titiribeira contará con carácter internacional ao traer a Teo artistas portugueses, italianos e francohispanos

| compartir:

O festival Titiriberia. Olladas sobre os cristovos, organizado pola Asociación Cultural Morreu o Demo co apoio da Deputación da Coruña e o Concello de Teo, celebrará a súa segunda edición entre o xoves 9 e o domingo 12 de novembro. Nesta segunda edición, o Titiribeira contará con carácter internacional ao incluír no seu programa artistas procedentes de Italia, Portugal e Francia. Deste xeito, Titiribeiria, festival especializado nos títeres tradicionais da península, abre o abano ao realizar un convite especial este ano ao mestre titiriteiro italiano Luca Ronga e a compañía francohispana Pelele. A estes dous nomes internacionais, únese a compañía lusa MãoZorra.

Luca Ronga, autor e director, traballa dende o ano 1994 na escena. Formouse na Escola de Mimo Corporeo de Eugenio Ravo. Durante máis de dez anos traballou e afondou na investigación do teatro de marionetas tradicionais, principalmente na técnica de luva napolitana chamada guaratelle e no personaxe Pulcinella. Está considerado un dos grandes nomes da marioneta napolitana e no Titiriberia actuará co seu espectáculo La guarrattelle di Pulcinella no Auditorio Constante Liste o venres 10 e colaborará co mestre titiriterio catalán Eudald Ferré na montaxe Z. Las aventuras del Zorro o xoves 9 no mesmo recinto.

Pola súa banda, a Compañía Pelele chegará a Teo para presentar a súa montaxe La muerte de Don Cristobal o sábado 11. Pelele é a compañía francohispana creada en 1996 en Toulose pola española Paz Tatay, quen deu os seus primeiros pasos nos anos oitenta no obradoiro municipal de títeres do antigo Matadero de Madrid. Tras radicarse en Francia e crear a súa propia compañía, Tatay percorreu a través de xiras e festivais lugares de toda Europa e América Latina.

Finalmente, os portugueses de MãoZorrarepresentará en Teo tres espectáculos diferentes: O Barbeiro (Feira de Francos, o sábado 11 ás 12.30 horas), A tourada (Feira de Francos o sábado 11 ás 16.30 horas) eO Caçador (domingo 12 ás 12.30 no Auditorio Constante Liste). MãoZorra é unha asociación cultural fundada en 2012 que ten como obxectivo a promoción e produción de actividades de cariz tradicional e contemporánea nas áreas do teatro, do teatro de marionetas da formación e a da animación.

Titiriberia é o único festival do estado especializado en exclusiva en recuperar e difundir a longa tradición dos títeres tradicionais. Cómpre lembrar que o teatro popular de títeres estivo presente en feiras, festas e prazas das vilas e cidades até ben entrado o século XX e constitúe unha forma de entretemento, educación e comunicación das comunidades antes da irrupción dos medios de comunicación de masas e das transformacións que experimentou a sociedade nas últimas décadas. En Galicia, esta expresión cultural permanece aínda na memoria colectiva das xeracións nacidas antes de 1950, pero corre o perigo de desaparecer.

Morreu o Demo

A Asociación Cultural Morreu o Demo constituíuse a finais de 2012 co propósito de recuperar e dar a coñecer o patrimonio do títere tradicional galego que, ao igual que outras expresións da cultura popular, ficaba no esquecemento. Como eixo principal do seu traballo, está a desenvolver diferentes actividades para recuperar a figura de Barriga Verde, máximo expoñente desta tradición popular no país. Dende 2016, Morreu o Demo organiza o Festival Titiriberia. Olladas sobre os cristovos no concello de Teo.

Titiriberia