O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos

Os Concellos da `coroa´do transporte metropolitano reúnense para consensuar estratexias

| compartir:

O Concello de Teo acolleu unha xuntanza sobre o transporte metropolitano no que participaron os concellos da “coroa” da área de Santiago. A instancias da concelleira de mobilidade de Teo, Conchi García, mantívose un encontro ao que asistiron o alcalde de Ames, Jose Miñones, o de Brión, José Luis García, o rexedor de Oroso, Manuel Mirás e o concelleiro de mobilidade de Santiago, Jorge Duarte.

 

Diante da tramitación no novo Plan de Transporte da Xunta de Galicia os concellos da área metropolitana de Santiago destacan “a necesidade de plantexar as prioridades en materia de transporte que nos son comúns diante da Dirección Xeral de Mobilidade dun xeito coordinado e conxunto” explica Conchi García.

 

Deste xeito na reunión abordáronse problemáticas concretas como a necesidade de ampliar frecuencias e rutas, o cumprimento dos horarios das liñas ou a mellora da información dos horarios ao usuario e outros aspectos como a necesidade dun plan de mobilidade para estes concellos que se terán que explorar a medio prazo.

 

Ademais disto cada Concello ten as súas particularidades. Conchi García, a concelleira de Teo contempla “a importancia de deseñar unha liña circular que pase por Teo, Santiago e Ames e que poida beneficiar a unha poboación estimada superior ás 30.000 persoas”. “O noso interese é trasladar esta e outras propostas á Xunta para o que seguiremos falando en vindeiras xuntanzas”.

 

O concelleiro de Mobilidade de Santiago, Jorge Duarte, e o alcalde de Oroso Manuel Mirás, defenderon na reunión a importancia de explorar outros modelos de xestión do transporte que deben pasar por un Consorcio. En todo caso os responsables de mobilidade de Ames, Brión, Oroso, Santiago e Teo coinciden en que as súa interlocución coa Xunta de Galicia non pode pasar exclusivamente pola comisión do Transporte Metropolitano de Santiago. “As necesidades da nosa poboación en transporte son de liñas de cercanía e, a día de hoxe, o plan de transporte metropolitano non as cubre” como apuntou o alcalde de Oroso, Manuel Mirás.

Imaxe da reunión celebrada en Teo