O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
Os centros de ensino dos Tilos, A Ramallosa e Calo, e máis concretamente os sextos cursos de Educación Primaria, participaron nun obradoiro de regueifas impartido pola regueifeira Alba María e mais o regueifeiro Josiño da Teixeira.
Neste obradoiro os rapaces e rapazas que participaron aprenderon as técnicas e os ritmos para poder construír unha regueifa, e foron capaces, durante o prazo que durou o obradoiro, de construíren as súas propias composicións improvisadas.
Unha vez que coñecen o método para construír unha regueifa, os alumnos e alumnas que o desexan poderán participar no certame de regueifas en vídeo Enreguéifate, no que se poderá participar ata o vindeiro 15 de abril. Trátase dunha das iniciativas incluídas dentro do proxecto Enreguéifate -impulsado polos concellos de Ames, Carballo, Santiago de Compostela e Teo-, co que se procura que a cidadanía entre en contacto coa improvisación oral en verso a través da experiencia de regueifar.
Para participar debe enviarse un vídeo regueifando a través da web www.enregueifate.gal, onde se atopa toda a información, incluíndo as bases completas, e as pezas gañadoras da anterior edición. A inscrición é aberta e de balde, existindo dúas categorías: unha xeral e outra escolar. A temática é libre, pero entre outros requisitos debe terse en conta que o vídeo non poderá superar os 3 minutos de duración e que nel deberán saír cando menos dúas persoas regueifando en lingua galega. En cada categoría haberá premios para a regueifa máis brava, a máis aguda, a máis diversa, a máis reivindicativa, a mellor cantada e a mellor falada.
Dende a organización prevén que desta volta o certame teña unha maior magnitude, se ben no 2017 xa participaron máis dun centenar de persoas de todo o país. Amosan moito optimismo nesta nova edición apoiándose na crecente repercusión do proxecto, que baixo o lema “Súmate á regueifa expansiva!” está a acadar moito éxito a través das redes sociais (a páxina de Facebook de Enreguéifate ten máis de 1600 seguidores/as).
Festival Regueifesta
A entrega de premios terá lugar o 2 de maio de 2018 no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, coincidindo co festival Regueifesta. Esta cita constitúe un punto de encontro de escolares de toda Galicia e doutros lugares coma Euskadi arredor da improvisación oral en verso. A ela acudiron o pasado ano unhas mil persoas e desta volta agárdase dobrar esta cifra.
Formación para profesorado e alumnado
Para promover a participación no certame dende o ámbito escolar, dentro do proxecto desenvólvense accións formativas dirixidas ao alumnado e ao profesorado. Así, o pasado 17 de febreiro tivo lugar en Carballo a ‘Xornada Enreguéifate para o fomento e aproveitamento educativo da improvisación oral’, á que acudiron máis de 70 persoas relacionadas co mundo da docencia. Asemade, nos centros educativos de Ames, Carballo, Santiago de Compostela e Teo desenvólvense nestes meses os obradoiros de improvisación oral Enreguéifate, cos que o alumnado aprende métodos de improvisación oral de xéneros galegos como a regueifa.