O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos

O Concello amósase preocupado trala reunión mantida coa Xunta sobre a planta de Toysal

| compartir:

O alcalde de Teo, Rafael Sisto, e a concelleira de Urbanismo, Uxía Lemus, mantiveron esta mañá unha xuntanza coa Conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, para falar, entre outros temas, da tramitación administrativa da planta de residuos que a empresa Toysal quere colocar na Casalonga (Teo). O encontro deixou aos representantes municipais “preocupados pola información achegada e os plazos que manexa a Xunta sobre este procedemento”. Non encontro estiveron presentes a Directora Xeral de Calidade Ambiental, María Cruz Ferreira e a Directora Xeral de Ordenación do Territorio, Encarnación Rivas.

Nas últimas semanas xurdiron diferentes afirmacións,  incluso dende as filas do Partido Popula,r e concretamente na figura da deputada Paula Prado que indicaban un interés da Xunta en acometer un cambio normativo que impediría a colocación da planta. Sen embargo “a realidade é ben distinta, e dende as direccións xerais de urbanismo e de calidade ambiental non teñen previsto ningún cambio normativo concreto a medio prazo, nin modificación da lei do solo nin cambio do PRIGA” explica o alcalde. A maiores dende a DX de Urbanismo defendeuse na xuntanza o uso do solo rústico para este tipo de actividades e outras perigosas como as pirotecnias.

Esta actitude por parte da administración autonómica “deixa á veciñanza de Teo e a propio Concello con escasa marxe de maniobra diante desta ameaza, xa que como se ten comentado o único xeito de evitala de xeito permanente é unha modificación lexislativa” explica Rafael Sisto.

A maiores “tamén se nos comentou que o prazo de exposición pública do proxecto se adiantará a setembro, un cambio de dinámica sobre a información que se tiña trasladado ao Concello” destaca a concelleira de Urbanismo, Uxía Lemus. A este respecto “dende urbanismo seguimos traballando no informe de compatibilidade urbanístico e dende os servizos técnicos síguense mantendo encontros de asesoramento para ter un informe o máis garantista posible” explica Lemus.

Dende o Concello mantéñense contactos coa Plataforma Casalonga Limpa de Residuos e cos voceiros municipais para informalos do falado na xuntanza coa Xunta.

Como é o proxecto da planta?

A planta ocuparía unha extensión duns 135.000 metros cadrados na antiga canteira da Casalonga. Está pensada para tratar diversos tipos de residuos orgánicos, cun volume que segundo o proxecto da empresa se situaría entre as 80.000 e as 90.000 toneladas anuais. Os máis numerosos serían os lodos procedentes de depuradoras de augas residuais (25.000 toneladas ao ano), residuos de industrias agroalimentarias (22.000 toneladas anuais) e lodos de conserveiras (20.000 toneladas anuais). Ademais procesaría 10.000 toneladas ao ano de subprodutos animais non destinados ao consumo humano, tecnicamente coñecidos polas siglas SANDACH, e unhas 3.000 toneladas anuais de xurros e estercos.

O proxecto contempla habilitar os camiños de acceso e construír unha nave de recepción dos residuos agroalimentarios con dous tanques para líquidos e semilíquidos e un búnker para sólidos, así como instalar dous dixestores anaeróbicos, un tanque de almacenamento dos dixestatos e a construción das oficinas.

O proceso ao que se someten os residuos serve para obter fertilizantes, metano para producir electricidade de autoconsumo da planta, augas de condensación e residuos inertes como plástico, metal e envases. As augas serían empregadas, segundo a compañía promotora do proxecto, para tarefas internas como o lavado de camións e para un hipotético rego de plantacións forestais. O proxecto practicamente non detalla o destino dos fertilizantes nin os estudos de demanda dos produtos obtidos.

canteira

Arquivos descargables

Attachment Size
Informe sobre Proxecto Toysal.pdf 4.81 MB