O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos

O Concello continúa a campaña contra a nespra asiática

| compartir:

O Concello de Teo continúa a súa campaña contra a nespra asiática. Estes días, coincidindo co bo tempo, incrementouse a colocación de trampas con atraínte para matar raíñas. Deste xeito evítase un maior número de niños durante os meses de verán e outono. Podes consultar o ciclo anual da velutina premendo aquí.

Esta mesma mañá persoal da Agrupación de voluntarios de protección civil de Teo estiveron colocando trampas en Calo, Cacheiras e A Ramallosa. Utilizan líquido atraínte comercial nunha botella de plástico e colócano debaixo de camelias ou de cítricos xa que son árbores aos que van as raíñas. O trampeo é efectivo nos meses de marzo e abril polo que é importante colocar trampas no que queda de mes.

O Concello de Teo está entregando atraínte para facer trampas para a nespra asiática ou velutina. As persoas interesadas en recoller o líquido deben achegarse á sede de Protección Civil os martes  de 10:00 a 12:00 ou os sábados de 17:00 a 19:00 horas cunha botella de plástico de polo menos 300  mililitros de capacidade.

Para facer a trampa debe usarse 100 ml. do atraínte con medio litro de auga colocados nunha botella de plástico na que se farán buracos para que poida entrar a raíña. Hai que instalar a trampa en árbores en flor. O ideal é facelo en camelias, citrinos, laranxeiros, limoeiros e claudieiras de xeito que estean tamén protexidos do vento. Se están ao sol é posible que a auga se evapore, polo que hai que repoñela.

Cada tres ou catro días debense retirar os insectos que caeron na trampa. É importante que no caso das velutinas se maten, por aplastamento, xa que poden estar vivas e ao secar volver a voar. O atraínte hi que renovalo cada 15 días. Pasado ese tempo estrágase.

Segundo o ciclo anual da velutina a eficacia destas trampas é boa entre os meses de marzo e abril, xa que cazan ás novas raíñas. Cada unha das raíñas eliminadas evitará a aparición dun enxame nos meses de verán.

Preme aquí para ver a localización da sede de Protección Civil de Teo.

O persoal da Agrupación de voluntarios volverá o venres para ver as raíñas que caeron nas trampas e retiralas. Nas árbores nas que se colocan déixase un aviso de que hai unha trampa colocada e identificado o líquido para que non haxa equívocos e non se retiren.

O Concello de Teo, consciente do problema da nespra asiática nos últimos anos e de que cada vez vai a maiores, leva dende primeiros de ano realizando charlas informativas sobre o tema. Segundo explica o concelleiro Ignacio Iglesias, "trátase de informar sobre un tema, que é moi novidoso, para que todos teñamos ferramentas para loitar contra este problema".

 

velutina

Arquivos descargables

Attachment Size
cicloanualvelutina.png 215.92 KB
trampavelutina.jpg 1.47 MB