O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
A conmemoración do Día da Muller no Concello de Teo inclúe un amplo programa de actos entre o 5 e o 9 de marzo, ademais dunha excusión o 8 de abril. O eixo destacado das actividades é a reflexión sobre os estereotipos sexistas transmitidos a través das tradicións que necesitan actualizarse.
Obradoiro
Os actos comezan o luns 5 de marzo co obradoiro Bailar a canda os tempos no Auditorio Municipal Constante Liste as 19:30 horas. Esta actividade promove, dun xeito teórico e práctico, a reflexión sobre cuestións como qué se transmite coa ensinanza e a práctica do baile tradicional e como se debe transmitir á xente máis nova. O propósito é utilizar metodoloxías coeducativas para ensinar baile sen reproducir estereotipos sexistas. O obradoiro é de balde e está dirixido especialmente e asociacións e profesionais da música e do baile pero tamén ás persoas interesadas no tema. Impárteno Carme Campo e Chus Caramés. Para anotarse hai que chamar ao CIM no teléfono 981.809.707 ou enviar un correo electrónico a cim@teo.gal.
Manifesto e documental
O mércores 7 de marzo, ás 19:30 horas no Salón de plenos da Casa do Concello, farase a lectura do manifesto institucional e a presentación da folga feminista e outras accións previstas para o 8-M por parte de Rosa Aneiros, sindicalista, feminista e veciña de Teo. Despois da parte máis institucional do acto proxectarase o documental A palabra xusta sobre a mestra e pedagoga galega Antía Cal, fundadora do colexio Rosalía de Castro en Vigo. O traballo fai un percorrido polas súas orixes, a súa pelexa por estudar e o xeito en que logrou abrirse camiño.
Faladoiro e excursión
Despois do 8 de marzo, para o que está convocada a nivel internacional a Folga Xeral das Mulleres, o programa continúa co faladoiro Andar cos tempos...ou de como cribar o gran para mañá (venres 9 de marzo ás 19:30 horas no Auditorio Municipal Constante Liste). Será un encontro vinculado á exposición do mesmo nome, coa intención de revisar o baile tradicional galego con perspectiva de xénero, debatendo se a tradición é un concepto estático ou se "anda cos tempos" e como se legará á xeración seguinte.
Xa para o domingo 8 de abril, o Concello ten programada a excursión das Mulleres, unha tradición anual.