O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
O pasado xoves, 15 de marzo, a concelleira de Mobilidade de Teo, Conchi García, e o alcalde de Ames, José Miñones, presentáronlle ao Director Xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, o proxecto conxunto de mellora da mobilidade metropolitana centrado na liña circular Ames-Teo-Santiago. No encontro tamén estiveron o Subdirector Xeral, Antón García e o Subdirector de Planificaicón, Héctor Presas. Ademais asistiron representantes políticos de Vedra, A Estrada e Padrón, concellos cos que Teo ten asinados plans parciais de mobilidade para demandar melloras da Xunta de Galicia.
Nas próximas semanas a Xunta licitará o novo Plan de Mobilidade que será o que deseñe o mapa concesional que debe licitar a Xunta de Galicia. A concelleira de Mobilidade, Conchi García, destaca este aspecto como fundamental. "É importante que as nosas demandas en materia de mobilidade cheguen á Xunta antes do deseño dese novo mapa concesional para que se poidan atender as melloras que precisamos". Os plans parciais de mobilidade nos que estivo traballando Teo "son realistas e pretenden aproveitar os recursos das liñas que xa existen pero vendo como se poden optimizar para dar unha mellor cobertura e servizo á cidadanía" explica Conchi García. No caso do plan traballado entre Teo e Ames os encargados de presentarllo ao Director Xeral de Mobilidade foron Conchi García e José Miñores. O documento fala principalmente das liñas que conectan ambos concellos con Santiago.
Un proxecto común para a mellora da mobilidade metropolitana
A proposta de reformulación do servizo, concibida colectivamente polos dous Concellos, ten como obxectivo abordar algunhas das melloras necesarias, que ata o de agora foron imposibles de implementar debido as actuais condicións contractuais, marcadas cando as necesidades de mobilidade eran outras. A nova proposta inclúe a creación de novas trazados, frecuencias e franxas de servizo.
O actual servizo, que é prestado por varios operadores diferentes, ten orixe no concello de Santiago e percorre o leste do concello de Ames e o oeste do concello de Teo. Os operadores que prestan o servizo na zona son: Hedegasa -operador principal-, Monbus, Hermanos Ferrín e Arriva Noroeste. Ademais, algúns destes servizos están concibidos como longa distancia, xa que comunican localidades como Ribeira, Vigo, Pontevedra ou Boiro co concello de Santiago e que, ao seu paso polos concellos de Ames e Teo, complementan o servizo disposto para estes.
Porén, tanto o Concello de Teo como o Concello de Ames precisan dun novo deseño no servizo de transporte público, que responda ás necesidades dunha poboación en constante crecemento, a cal precisa maioritariamente dunha boa comunicación co centro administrativo e comercial de Santiago. Deste xeito, o novo proxecto propón a creación dunha liña circular xurdida do actual servizo que nace na rúa da Rosa, en Santiago, e que despois de pasar polo Milladoiro percorre a parroquia de Calo e finaliza o seu servizo en Luou. A nova liña de trazado circular proseguiría por Cacheiras e Os Tilos dirixíndose novamente a Santiago. Co novo trazado comunicaríase, polo tanto, a unha poboación de a redor de 30.000 veciños dos concellos de Ames e Teo, tanto entre si como co centro do concello de Santiago, o que incrementaría significativamente o número total de potenciais usuarios, ao incrementar en 9.000 as veciñas e veciños beneficiados pola prolongación da liña.
No tocante aos horarios, a nova proposta mantén os actuais para os días laborais. Non obstante, a reformulación do servizo incrementa, durante as fin de semana, un par de servizos de ida e volta pola mañá, franxa horaria que actualmente non conta con oferta. Ademais, este servizo de disposición circular contaría con dous sentidos de circulación, un con saída no sentido Intermodal – Teo – Ames – Intermodal e outro no sentido Intermodal- Ames – Teo – Intermodal. Por último, en relación ao resto dos servizos, os dous Concellos consideran necesario manter a súa actual oferta, contemplando as melloras que os propios operadores poidan aportar ao servizo na inminente licitación.
Conchi García destaca que o traballo co resto dos Concellos cos que compartimos expedicións, A Estrada, Vedra e Padrón permitirían incrementar as liñas e os servizos no sur do Concello. No caso da proposta traballada con Vedra estúdanse as liñas con orixe ou destino en Vedra que pasan polas parroquias do leste de Teo (Oza, Teo, Bamonde, Vilariño e Reis). No documento destácase a limitación de moitas liñas que están condicionadas polo calendario escolar quedando o servizo moi mermado cando non hai colexio; a escaseza de expedicións diarias en moitas das rutas; o escaso servizo na fin de semana ou a falla de optimización dalgúns dos itinerarios actuais.
Na proposta, asinada por Teo e Vedra, recóllense melloras e incrementos das liñas actuais e ata unha liña nova que viría dende San Miguel de Sarandón ata Pontevea, achegando a moitos veciños/as de Vedra ao corredor de Cacheiras onde poderían facer transbordo ata Santiago e achegaría tamén a moitas persoas ao núcleo de Pontevea, con numerosos servizos.
Neste proxecto, proponse á Xunta a creación dunha nova liña que comunique o sur do concello de Teo e o norte de Padrón co corredor de Cacheiras - AC 841- á altura da Ramallosa e a prolongación da liña que actualmente percorre o norte de Padrón ata o núcleo de Pontevea, dándolle saída a este ao núcleo do concello de Padrón e facilitando a mobilidade dos veciños de Carcacía cara o Sur de Teo. Ámbolos dous servizos facilitarían, non só a mobilidade interna dos concellos e a transversal entre ambos, senón tamén a posibilidade de transbordar gratuitamente coa tarxeta TMG aos servizos que pasan polo corredor con dirección a Santiago, A Estrada e Vedra.
Attachment | Size |
---|---|
Proxecto parcial Teo-A Estrada.pdf | 1.57 MB |
Proxecto parcial Teo-Ames.pdf | 576.3 KB |
Proxecto parcial Teo-Padrón.pdf | 529.14 KB |
Proxecto parcial Teo-Vedra.pdf | 1.66 MB |