O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos

Comezan os traballos de variante da DP 8202 en Cacheiras

| compartir:

As obras de construción da variante da DP 8202 en Cacheiras (Teo), comezarán de xeito inminente. Así llo comunicou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, á concelleira de Urbanismo da localidade, Uxía Lemus, na reunión que mantiveron na sede da institución provincial para ultimar os detalles das obras, que foron adxudicadas o pasado 23 de xaneiro á empresa Eulogio Viñal Obras Y Construcciones por 221.079 euros, un importe ao que hai que sumar os 238.544 euros investidos pola Deputación nas expropiacións necesarias para levar a cabo os traballos. Na xuntanza participou tamén o arquitecto municipal de Teo, Ignacio Soto.

"En cuestión de semanas imos ver as máquinas traballando nesta obra tan demandada polos veciños e polo goberno municipal de Teo", afirmou o presidente da Deputación, que manifestou a súa satisfacción por ver como "os proxectos que no seu día foron só papel comezan a tomar forma".

Lemus expresou "a boa nova" que supón para Teo a activación destas obras, que permitirán mellorar a seguridade ampliando o ancho da estrada de 5 a 9 metros, dotándoa de beiravías para a circulación de peóns e construíndo unha nova variante que evitará o paso continuo de vehículos pola travesía onde se sitúa a igrexa e a escola infantil.

Neste tramo a estrada actual é moi estreita e conta cun trazado de curvas perigoso que pasa moi preto das vivendas, polo que resultaba imposible ampliar a súa anchura, o que levou a optar pola construción da variante.

Ademais da ampliación da estrada, as obras incluirán a pavimentación, dotación de sistema de drenaxe e recollida de pluviais con cunetas revestidas de formigón, a colocación de biondas de seguridade nas zonas de terraplén e o reforzo da sinalización horizontal e vertical.

Nova variante na DP 0205

Uxía Lemus formulou tamén a posibilidade de encargar a redacción dun novo proxecto para a execución dunha variante da Igrexa e O Aido (Luou), na estrada provincial DP-0205. Un proxecto que o goberno provincial se comprometeu a estudar.

reunión Deputación