O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
Unha ruta de sendeirismo permitirá coñecer os petróglifos de Teo mediante un itinerario perfectamente sinalizado e con características que permitirán a súa homologación por parte da Federación Galega de Montañismo. A ruta é de tipo circular, de maneira que ten en Cornide o seu punto de partida e de chegada.
Quen a complete pasará polo muíño de Cornide e polos petróglifos de Cornide, do Outeiro do Corno, do Fondao, da Pena Bicuda de Loureiro, de Outeiro Piquiño, do Trono da Raíña, da Pena Bicuda de Regoufe e do Meau.Con esta iniciativa, numerosos e numerosas visitantes terán ocasión de practicar deporte e á vez coñecer unha das áreas de maior importancia arqueolóxica de Galicia.
A zona concentra unha elevada densidade de xacementos, mámoas e petróglifos, que ademais presentan características moi singulares.
Consellos para facer a ruta
O deseño e sinalización da ruta, financiados pola Axencia Turismo de Galicia, fai que sexa apto para calquera persoa. Unha das principais suxestións é realizar o percorrido sempre en grupo. Tamén é recomendable ir nun día claro no amencer ou pola tarde e levar unha lanterna que permita alumear os petróglifos de maneira tanxencial para poder apreciar ben as súas formas sen tocalos.
Outros consellos de relevancia para quen faga a ruta, que están recollidos nos elementos de sinalizaicón, son respectar elementos como valados para animais, seguir unicamente os camiños sinalizados, depositar os refugallos en contedores de recollida selectiva, evitar facer ruído, tomar todas as precaucións para non prender lume, non acampar por libre, circular con vehículos só polas estradas e pistas habilitadas e aparcar exclusivamente nas zonas autorizadas e sen perturbar o paso doutros vehículos.
Descarga no móbil
A ruta, denominada tecnicamente ‘PR-G 238 Ruta dos Petróglifos de Teo’, poderá ser percorrida mediante a sinalización física e tamén mediante a descarga dos itinerarios no móbil, en formatos kml-kmz e gpx. Podes atopar máis información sobre a ruta premendo aquí
Attachment | Size |
---|---|
dipticoinformativorutapetroglifos.pdf | 2.23 MB |
planorutapetroglifos.pdf | 2.09 MB |