O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos

Avanzan os traballos na prolongación da autovía AG-59 desde a Ramallosa a Pontevea coas voaduras preto de Olveira

| compartir:

A alcaldesa de Teo, Lucía Calvo de la Uz, acompañou esta mañá á conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, ao conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e ao alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, no acto de voadura no Desmonte 6, preto de Olveira, en Teo. Esta intervención forma parte dos traballos da prolongación da autovía autonómica AG-59 desde Ramallosa a Pontevea, no concello de Teo.

Os traballos contan, ata a data de hoxe, cun grado de execución dun 12,3%, e a previsión do seu remate sitúase a finais do ano 2025.

Dentro das escavacións precisadas para a execución deste novo tramo da autovía Santiago – A Estrada, necesítase levar a cabo a escavación do Desmonte 6, situado en torno ao PK 102+750 da obra da AG-59. Nesta zona os materiais para escavar son de tipo rochoso, cuxa dureza impide que se poida levar a cabo a escavación por medios mecánicos convencionais e débanse executar voaduras mediante explosivos para o seu arranque.

A actuación abarcaba un volume de material a voar de 4.500 m3, polo que empregáronse aproximadamente 1.000 Kg de explosivos nun único disparo. Para levar a cabo esta intervención, cun Presuposto de Execución Material de 39.015€, efectuáronse 100 barrenos dunha media de 5 metros de longo, formando unha malla de 33 metros.

Esta voadura, xunto coas que se prevén nos próximos meses, son a parte máis importante do movemento de terras e, ademais, aprovéitase o material extraído para reencher onde sexa necesario na construción da explanada da autovía. Nesta obra están a levarse a cabo unha media de 4 voaduras mensuais e tense feito, ata agora, no Desmonte 6 e no Desmonte 4 da obra.

Protocolo voadura

A Xunta cumpriu estritamente o protocolo de voaduras particular para a zona. O trazo da futura vía afecta a pistas e camiños públicos, polo que o Director Facultativo asegurouse de que todos os accesos no perímetro de seguridade estiveran cortados ou baixo vixilancia e cunha correcta sinalización antes de executar os disparos. Ademais, o Director Facultativo e o artilleiro realizaron un exame do fronte para asegurarse de que a voadura realizouse correctamente e que non quedaron barrenos fallidos.

A maiores, o protocolo incluía o emprego de proteccións adicionais sobre a propia voadura e os bens a protexer, ademais da restitución da circulación unicamente cando xa non se prevía risco algún para o tráfico rodado.

Con estes traballos, a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas continúa avanzando na execución das obras do novo treito da autovía libre de peaxe entre Santiago e A Estrada, que comezaron a finais de outubro do 2023. As obras suporán un investimento de máis de 33M€ e permitirán habilitar 3,5 quilómetros da AG-59.

O novo treito disporá de dous enlaces que permitirán os catro movementos, tanto cara o Norte (Santiago de Compostela), como cara o Sur (A Estrada). Un deles, resultado da reforma do existente na Ramallosa, e o outro, de nova execución sobre a AC-241, en Pontevea.

A Xunta segue avanzando de xeito paralelo no proxecto de construción da 2ª fase da autovía, un treito de 4 km entre Pontevea e O Rollo, xa no municipio da Estrada. Este proxecto suporá un investimento base de 30,6M€ e está a adaptarse á nova normativa de cálculo de estruturas para ser aprobado.

Unha vez rematada toda a actuación da prolongación da AG-59, os tempos da viaxe entre Santiago de Compostela e A Estrada se reducirán a 10 minutos, ademais de mellorar a seguridade viaria, tras un investimento global de máis de 67 millóns de euros.

foto