O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos

Comezan as obras da restauración integral da Cruz do Calvario, en Reis, da man do conservador e restaurador Xabier Bernárdez

| compartir:

O Concello de Teo vén de iniciar as obras da restauración integral do nomeado “cruceiro do Campo da Festa” (ref. C60 no inventario patrimonial do PXOM de Teo), situado na parroquia de San Cristovo de Reis, da man do conservador e restaurador Xabier Bernárdez Fresco (Berna). Un recoñecido técnico que nestes últimos anos desempeñou o seu labor en diferentes proxectos da catedral de Santiago de Compostela ou no Convento de Santo Domingo en Pontevedra, así como noutros traballos de restauración doutros cruceiros por toda Galicia. 

Cómpre sinalar que as alteracións producidas polo paso do tempo neste elemento son moi notables, como evidencia a perda de cimentación e desprazamento dos perpiaños que conforman o baseamento, a colonización biolóxica xeral e as inadecuadas reconstrucións con morteiro de cemento que estaban a danar a pedra orixinal. 

Logo dun previo estudo cultural do ben, determináronse os traballos a realizar que consistirán fundamentalmente na reconstrución da cimentación e plataforma, limpeza en seco e eliminación de depósitos e briófitas, cambio dos elementos de suxeición para asegurar a estabilidade do ben e a retirada dos “parches” de cemento que se substituirán con enxertos de perpiaños con pedra semellante á orixinal.

Para realizar estes traballos será preciso desmontar, durante uns días, algúns dos elementos do monumento (cruz, capitel e varal) e o seu traslado ao obradoiro para súa restauración. Daremos conta do remate das obras e as particularidades deste tipo de intervención que sempre proporcionan interesantes novas. 

Compromiso co patrimonio

O Concello de Teo ten moi claro o seu compromiso pola conservación, protección e fomento do seu patrimonio, entre o que se atopan estes bens etnográficos. Esta obra inclúese nun plan deseñado para garantir a preservación destes elementos que dá continuidade aos traballos previos realizados nos cruceiros de Luou, Ameneiro, Loureiro e A Florida. 

De feito, o Concello iniciou o labor polos cruceiros que precisaban de maior urxencia deste tipo de intervencións, tal como demandaba a veciñanza; porén, o departamento de Cultura e Patrimonio ten intención de proseguir o vindeiro ano con estas obras para garantir a preservación doutros cruceiros e a súa valoración. 

Así, nos orzamentos municipais para 2025, aprobados de forma inicial no Pleno de novembro, vai consignada unha partida específica para arqueoloxía e protección do patrimonio histórico-artístico, cun montante de máis de 55.000 euros destinados ó financiamento deste tipo de actuación en prol da protección e promoción do patrimonio, así como inversións de reposición de infraestruturas e bens de uso xeral.


 

foto