O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a alcaldesa de Teo, Lucía Calvo de la Uz, mantiveron esta semana unha xuntanza na que acordaron a colaboración de Xunta e Concello á hora de dotar ao municipio dun centro de día para persoas maiores e de vivenda pública.
Durante o encontro, Rueda trasladou á rexidora o compromiso da Xunta con dotar a este concello coruñés dun novo centro de día para maiores. Neste senso, o Goberno local e o autonómico levan meses traballando xuntos na busca da mellor localización para que a posta en marcha deste centro sexa unha realidade o antes posible.
Así mesmo, tamén analizaron a necesidade de construír vivenda pública no termo municipal. Así, a alcaldesa confirmou que o concello vai ceder á Xunta unha parcela na zona das Galanas, un espazo que permitiría poñer a disposición dos veciños un total de 21 novos inmobles protexidos.
Educación
Por outra banda, o presidente confirmou que a Xunta vai destinar 350.000 € a realizar obras de mellora -en concreto, ao cambio de cuberta- no colexio CEIP Os Tilos. Unhas actuacións que se engloban dentro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica e que se levarán a cabo ao longo de 2025.
Concentración parcelaria
No transcurso da reunión tamén se avaliou a posibilidade de poñer en marcha unha concentración parcelaria na zona de Oza-Teo-Baamonde-Vilariño. Rueda comprometeuse a estudar este proxecto para un concello no que xa existen 13 zonas de concentración parcelaria rematadas que permitiron mobilizar máis de 5.000 hectáreas.
Sanidade
Por último, tamén analizaron o proxecto de construción dun novo centro sanitario en Teo, en concreto no lugar da Ramallosa. Trátase dunha obra prevista no Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria e que permitirá incrementar a carteira de servizos sanitarios no concello ao incorporar unha área de saúde bucodental. Na actualidade, o concello está a tramitar a cesión dos terreos necesarios para a súa construción.