O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
O Concello de Teo vén de aprobar, por unanimidade de votos no Pleno celebrado onte pola tarde, a cesión patrimonial ao Servizo Galego de Saúde dunha parcela situada no Polígono 515, en Gandarón, de aproximadamente 10.420 metros cadrados para a construción do futuro centro de saúde na Ramallosa. Desta forma, o Consistorio inicia o expediente para levar a cabo a dita cesión dos terrenos, dando cumprimento ao compromiso adquirido polo Concello no convenio de colaboración asinado entre ambas entidades o pasado 30 de marzo de 2023.
Neste senso, esta mutación demanial subxectiva, con transmisión de titularidade a favor do Sergas, estará exposta ao público polo prazo dun mes para que as persoas interesadas poidan presentar as alegacións ou as reclamacións que estimen oportunas.
Servizo de Taxi
Neste Pleno de outubro tamén se aprobou a modificación do Regulamento de funcionamento do servizo de taxi no Concello de Teo, coa conseguinte actualización de tarifas urbanas que entrarán en vigor o vindeiro 1 de xaneiro de 2025. Neste senso, a percepción mínima cubrirá os primeiros 1.500 metros e, a partir de aí, comezaría a computar o taxímetro.
Así, no Concello de Teo estarán vixentes dúas tarifas: unha aplicable en días laborables de 06.00 a 22.00 horas e outra aplicable en días laborables de 22.00 a 06.00 horas, así coma os sábados, domingos e festivos. Nesta segunda tarifa tamén entrarían os días 24 e 31 de decembro durante as 24 horas. En calquera das dúas tarifas, os pasaxeiros terán dereito a transportar gratuitamente no maleteiro do vehículo un vulto de equipaxe ou pertenza, sen contar as cadeiras de persoas con mobilidade reducida e cadeiras de bebés, posto que non se consideran vultos, nin o traslado de cans guía.
Servizo de Atención Temperá
Outro tema de gran relevancia e que foi aprobado tamén no Pleno foi a aceptación da encomenda de xestión e a aprobación do convenio do Servizo de Atención Temperá de forma agrupada entre os concellos de Teo e Ames. Neste sentido, o novo convenio dará cobertura á prestación do servizo durante o período comprendido entre o 1 de novembro de 2024 e o 31 de outubro de 2026.
Con esta nova colaboración, o concello xestor -neste caso Teo- poderá solicitar a subvención convocada pola Administración autonómica para a prestación de servizos no marco da Rede Galega de Atención Temperá, cofinanciada pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027.
Cómpre lembrar que este servizo está exclusivamente integrado polo conxunto de intervencións dirixidas á poboación infantil de 0 a 6 anos, a súa familia e a súa contorna, co obxectivo de dar resposta o antes posible ás necesidades transitorias ou permanentes que presentan os nenos e nenas con trastornos no desenvolvemento ou en risco de padecelos, para así facilitar o desenvolvemento da súa autonomía persoal e a inclusión social.
Mocións de urxencia
Durante o transcurso da sesión Plenaria, leváronse de urxencia varias mocións. Así, o Grupo Popular presentou unha moción con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, que se celebra cada 25 de novembro, ao igual que o fixo o grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego de Teo.
Outra moción de urxencia presentada polo PP de Teo foi a solicitude dun acceso en Teo á AP-9, por ser un dos poucos concellos que é atravesado de norte a sur por esta vía e carecer a día de hoxe de enlaces directos. Ademais, este novo enlace permitiría conectar a dita autoestrada coa estrada provincial CP-8202, o que evitaría un importante fluxo de tráfico, xa que para empregar a AP-9 con dirección sur, os usuarios necesitan desprazarse en sentido contrario cara o norte ata as saídas de Santiago - O Milladoiro para poder coller o enlace máis próximo. Ese enlace actual está, en momentos puntuais, saturado con considerables retencións, as cales serán maiores cando comecen as obras de humanización do Milladoiro. A dita moción, aprobada por maioría, elevarase ao Parlamento de Galicia para que inste á Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno Central.
Cabe sinalar que, ao comezo da sesión plenaria, toda a Corporación Municipal e o público asistente gardou un minuto de silencio polas vítimas da DANA.