O Servizo de Bono Social Eléctrico reanudarase o 3 de setembro de 2025
O Servizo de Bono Social Eléctrico reanudarase o 3 de setembro de 2025
O 25 de novembro conmemórase o Día Internacional da eliminación da violencia contra a muller.
Segundo a estadística de vítimas mortais de violencia de xénero ofrecida pola Delegación do Goberno de España contra a violencia de xénero, indica que dende que hai rexistro, no ano 2003, foron 1.327 as mulleres asasinadas. Mentras haxa unha vítima será necesaria a loita e a conmemoración deste día para acabar con esta lacra, pois o único número aceptable é cero.
Estas cifras avalan unha problemática estrutural: a violencia de xénero existe en todas as idades e en todos os niveis educativos, sociais e económicos. É, por tanto, imposible escapar, se es muller, a esta desigualdade.
Se ben a violencia física é unha das formas máis crueis de violencia exercida sobre as mulleres, as formas son múltiples e así a violencia psicolóxica, as agresións sexuais, a violencia vicaria, a violencia dixital, a coacción ou a privación de liberdade son un reflexo da discriminación e desigualdade que sofren as mulleres.
Pero tamén a fenda salarial, a pobreza ou o teito de cristal son violencias non tan visibles, pero que están presentes a cotío e perpetúan esa desigualdade estrutural.
Trátase en definitiva, de remexernos como sociedade ata que o último atisbo de desigualdade estea resolto. Polas que foron antes e loitaron polos nosos dereitos, pero sobre todo, polas persoas que construirán o futuro, as crianzas de hoxe, que teñen o dereito a vivir nunha sociedade igualitaria.
Precisamente, o traballo na loita contra a violencia de xénero é algo que dende as administracións debemos facer en conxunto e apoiándonos mutuamente para poder chegar ás vítimas e tamén anticiparnos mediante a sensibilización para garantir a prevención.
Debemos traballar para sensibilizar á cidadanía en xeral e á mocidade en particular, co fin de previr as violencias de xénero en todas as súas manifestacións. Cómpre educar nesta materia para que non existan maltratadores e, así, evitar que haxa vítimas.
Débese traballar para que as mulleres crean máis no sistema, que as forzas e corpos de seguridade do Estado (que realizan os atestados policiais ou actúan directamente) estean mellor formados e que a sociedade, así como a contorna das vítimas, tamén estea máis concienciada.
A violencia contra as mulleres é incompatible cunha sociedade plenamente democrática. Garantir a liberdade, a seguridade e a vida das mulleres e protexer ás vítimas non é unha opción, é unha obriga democrática. A violencia machista interpélanos e as administracións locais debemos combatela con todos os medios ao noso alcance. No ámbito das nosas competencias desenvolvemos un papel fundamental na prevención, así como na información, asesoramento, protección e acompañamento ás mulleres vítimas e ás súas fillas e fillos.
En virtude de todo o exposto, proponse ao Pleno aprobar a seguinte declaración reafirmándonos nos seguintes compromisos:
Apoiar a visibilidade da loita contra a violencia de xénero.
Garantir o compromiso dende o Concello de Teo de seguir traballando na Loita para a eliminación da violencia contra a muller.
Crear campaña de sensibilización contra a violencia de xénero dentro do noso Concello intentando involucrar á cidadanía e a outros axentes que poidan ser influenciables dentro dela.
Achegar aos centros escolares obradoiros e actividades que fomenten a educación en materia de igualdade e contra a violencia de xénero.
Achegar ao persoal do Concello e ás forzas de seguridade formación en prevención e loita contra a violencia de xénero.
Dar visibilidade ás campañas que a Xunta de Galicia ou a Deputación fagan en materia de igualdade e loita contra a violencia de xénero na nosa comunidade.
Seguir reclamando que os órganos competentes reforcen os Centros de Información á Muller (CIM).
Seguir reclamando que todas as administracións cumpran os acordos establecidos no Pacto de Estado contra a violencia de xénero.
Poñer a igualdade real das mulleres na sociedade no foco en cada medida política tomada, especialmente aquelas que teñen que ver co fomento do emprego e a descarga dos coidados.
Crear espazos de encontro e debate sobre a construción dun futuro libre de discriminación sexista.
Recoñecer e apoiar o traballo realizado polos colectivos feministas.