O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
A alcaldesa de Teo, Lucía Calvo de la Uz, acompañada polo portavoz do Partido Popular na Deputación da Coruña, Evaristo Ben, supervisaron hoxe varias estradas de titularidade deste organismo provincial que deben ser arranxadas dada a deficiente seguridade viaria que presentan. Unha petición que foi trasladada pola propia rexedora municipal en varias ocasións ao presidente da Deputación, Valentín Formoso.
Así, trasladáronse ás obras que a Deputación iniciou o pasado mes de agosto na estrada provincial DP-8202 en Cacheiras e nas que traballaron a primeira semana. Desde entón, a maquinaria está parada e non hai trazas de que as obras avancen. Neste senso, Calvo de la Uz lembrou que este proxecto data do ano 2017 e que, por conseguinte, urxe que se acabe.
Falamos dun proxecto que consiste na creación dunha variante que elimina as curvas da estrada durante 700 metros e unha ampliación da plataforma considerable, con 9 metros e 7 deles de calzada. Unha obra moi importante en materia de seguridade viaria, xa que a construción desta variante entre os puntos quilométricos 3+500 e 4+240 vai evitar o paso da maior parte do tráfico polo núcleo da Igrexa, unha zona onde a vía actual é estreita e perigosa.
Neste senso, a alcaldesa lembrou que, segundo trasladou o propio presidente da Deputación, “estas obras teñen un prazo de execución de oito meses”, o cal arrancou o pasado mes de agosto de 2024. Ademais, a alcaldesa sinalou que con esta obra non se soluciona o problea de tráfico desa vía, xa que é unha das arterias principais pola que circula unha gran cantidade de vehículos que atravesan o municipio. Neste senso, pediuse que se fixera unha alternativa ou, polo menos, se ampliara a estrada, incluíndo percorridos peonís con beirarrúas para unha maior seguridade da poboación.
Outras melloras pendentes
Aproveitando a visita do portavoz a Teo, trasladáronse á DP-8205, que vai da Ramallosa á Casalonga, onde urxe acondicionar a ponte do Rego de Sestelo, reforzando a súa estrutura e, polo tanto, a seguridade para todos os usuarios que pasan por ela.
Así mesmo, nesta estrada tamén está pendente o proxecto de mellora da seguridade na estrada e a humanización do núcleo de Luou, incluíndo o reforzo da sinalización por ser paso da rapazada que vai á parada de autobús. Tamén se pediu en máis dunha ocasión unha variante que permita a circulación nunha estrada ancha e segura, evitando os tramos de curva onde é difícil o paso de dous turismos á vez.
Na DP-8201 (que pasa por Oza) cómpre buscar unha solución para tratar de eliminar as curvas do denominado tramo do Castrillón, co fin de evitar accidentes. Trátase dunha vía pola que circulan a diario máis de 2.000 vehículos e que conecta Teo cos concellos veciños de Rois, Vedra e Padrón, polo que urxe que se ensanche.
Esta petición foi acompañada de máis de 1.200 firmas de veciños do Concello no ano 2021 e, a día de hoxe, segue sen haber un proxecto en firme, a pesar de que o Pleno da Deputación aprobara unha moción na que se reclamaba este proxecto e, posteriormente, o propio presidente provincial contestara un rogo presentado polo PP no que confirmaba que se estaba traballando para dar luz verde a esta iniciativa.
Por último, outra petición trasladada a este organismo provincial desde o Concello de Teo o pasado mes de marzo de 2024, e da cal aínda non se obtivo resposta, foi a necesidade de executar unha actuación que mellore a accesibilidade peonil na estrada provincial DP-0205 dende a travesía da Casalonga ata Osebe. Neste senso, é preciso construír beirarrúas a ambas marxes desta estrada, dado o intenso tráfico que soporta e sendo unha petición moi solicitada polos cidadáns desa zona.
A alcaldesa insistiulle ao portavoz do PP na Deputación que fai anos que o organismo provincial non inviste na mellora das estradas da súa competencia ao seu paso por Teo e solicita que, do mesmo xeito que o Goberno local arranxa as vías da súa titularidade, o faga tamén a Deputación nas súas. “Trátase dunha cuestión de máxima urxencia, porque falamos dun problema de seguridade viaria”, matizou a rexedora.