O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos

Finalizado o primeiro treito da prolongación da autovía AG-59 ata Pontevea

| compartir:

A alcaldesa, Lucía Calvo de la Uz, acompañou ao presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e á conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, no acto de presentación do primeiro treito da prolongación da autovía AG-59 -que une Santiago e A Estrada-, o cal poderá comezar a utilizarse con normalidade mañá mércores.

Esta prolongación de 3,5 quilómetros localízase entre A Ramallosa e o enlace coa estrada autonómica AC-241 en Pontevea, e contou cun investimento por parte da Xunta de 32,3 millóns de euros. Este tramo, ao igual que o conxunto da estrada, poderá utilizarse sen custo algún para os condutores, xa que é libre de peaxes.

En paralelo, as obras do segundo e último treito da vía, 4 novos quilómetros entre Pontevea (Teo) e O Rollo (A Estrada), xa se atopan en marcha cun orzamento superior aos 31 millóns de euros. Deste xeito, unha vez completada a totalidade da prolongación, a autovía contará con 14 quilómetros que conectarán Santiago e A Estrada en só 10 minutos. A previsión é que no ano 2028 estea rematado, tras un investimento de case 70 millóns de euros.

O treito porase mañá, mércores 22, en servizo. En concreto, o sentido Pontevea-Santiago abrirase ás 09,30 horas. No que atinxe ao outro sentido, Santiago-Pontevea, a apertura será ás 12,30 horas, unha vez retirados os elementos de seguridade instalados con motivo do corte de tráfico no enlace dos Verxeles.

Os vehículos que desexen utilizar a ligazón da Ramallosa poderán facelo en todos os sentidos desde as 09,30 horas.

foto