O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos

Rematados os traballos de conservación do Cruceiro de Vilanova, situado na parroquia de Oza

| compartir:

A alcaldesa, Lucía Calvo de la Uz, acompañada pola concelleira de Cultura e Turismo, Margarita Rosende, e o arquiveiro municipal, Pablo Sanmartín, supervisaron os traballos de restauración do Cruceiro de Vilanova (1824), en Oza, da man do restaurador Xabier Bernárdez. 

Os traballos de restauración centráronse principalmente na corrección dos problemas de estabilidade que presentaba a súa cimentación. O principal problema do conxunto era que a base quedara parcialmente sen apoio debido ao desnivel do terreo, o que comprometía a súa estabilidade e conservación.

Para solucionar esta situación, executouse un muro de contención que permitiu consolidar o terreo e proporcionar un apoio adecuado á cimentación do cruceiro, garantindo así a súa estabilidade futura. 

Unha vez resolto este problema estrutural, procedeuse á desmontaxe controlada do conxunto, á limpeza dos seus elementos pétreos e á súa posterior recolocación. Durante os traballos tamén se identificou unha antiga rotura na cruz que fora reparada con cemento. Esta intervención foi corrixida mediante a retirada dese material e a adhesión dos fragmentos con produtos específicos e compatibles coa conservación da pedra. Con estas actuacións mellorouse a estabilidade estrutural e o estado de conservación do cruceiro, asegurando a preservación deste importante elemento patrimonial para as xeracións futuras.

Por último, realizouse unha limpeza superficial en seco, orientada á eliminación de depósitos soltos, po acumulado e colonización biolóxica superficial (principalmente briófitas). As tarefas executáronse mediante procedementos mecánicos manuais non agresivos.

Tamén se procedeu á limpeza do contorno inmediato ao cruceiro, incluíndo labores de desbroce da vexetación invasiva, así como a eliminación de tocos e raíces que poidan afectar negativamente á cimentación ou comprometer a estabilidade do conxunto. 


 

foto