O Servizo de Bono Social Eléctrico reanudarase o mércores 2 de setembro, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
O Servizo de Bono Social Eléctrico reanudarase o mércores 2 de setembro, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
Este outubro volve o mes do teatro no Concello de Teo, cunha gran programación que oferta actividades para todos os públicos, adulto e infantil. As obras representaranse todas no auditorio municipal da Ramallosa e serán de balde, con reserva previa ata completar a capacidade.
Gallaecia Eventos abre a programación para público familiar coa obra “Os rizos de Lía”, o sábado 3 de outubro. Nesta historia, unha nena valente emprende unha viaxe chea de emocións, aventuras, descubrimentos e moita música.
O domingo 4 teremos a obra “Petición de man”, dentro do Circuíto Galego de Teatro amador FegaTeatro 2026. A compañía Ditea presenta a Liborio, un rico e hipocondríaco terratenente, que visita a súa veciña, case parente, Severina, coa intención de pedirlle a a man da súa filla Felicitas, pero a disputa con esta última pola propiedade dun pequeno prado de alfalfa vai estar apunto de estragalo todo. Un espectáculo para público adulto.
A seguinte fin de semana, o venres 9 teremos "As palabras perdidas" de Inventi Teatro. A Condesa Colorada e o seu axudante Leocadiof son viaxeiros chegados dende moi lonxe. A Condesa, unha coñecida contadora con fama internacional, disponse a narrar o seu relato preferido pero, ao abrir o libro, cae na conta de que o seu conto está cheo de buracos. Faltan palabras moi importantes. Palabras como ¿ganapán?, ¿vagalume? ou ¿verme?. As palabras fuxiron da historia, borradas por falta de uso. Só utilizándoas de novo volverán ao conto.
O sábado 10, será a quenda de De Ste Xeito producións con “Neura, unha comedia neurótico-festiva”, un espectáculo onde os protagonistas son Edu e Sonia, que xa viviron no pasado a súa historia de amor e desamor e que terminou precisamente por mor de pequenos trastornos. Non son amigos, non son amantes. Son esa categoría difusa á que chamamos ex. Xente da que sabemos ata o seu grupo sanguíneo, pero coa que actuamos como perfectos descoñecidos. Unha comedia para público adulto.
O venres 16, Redrum Teatro presentará “A furia da amanita”, un drama para público adulto que narra a historia dun pai e dunha filla. Despois dunha década vivindo no estranxeiro, Irene regresa á casa da súa infancia para atoparse cun pai recluído no silencio e a rutina. Entre diálogos fragmentados, recordos intermitentes e tensións ideolóxicas, ambos os dous intentan reconstruír un vínculo roto pola perda, a distancia e os reproches.
O sábado 17 teremos unha obra para público familiar da man de Negro López, coa peza “Backstage infantil”. Un espectáculo sobre un músico que está a piques de dar un concerto en solitario e que antes de comezar non atopa as cousas, perde as partituras, ponse nervioso... e todo porque o rexedor do espectáculo é todo un pallaso.
Seguimos o venres 23 con “A cámara escura” de Vórtice Escénico. Unha obra que fala das vítimas de ciberacoso que se ven conducidas cara un buraco negro de desprezo e dor. Trata das persoas culpables que, agresión tras agresión, van construíndo un perigoso perfil de cara ao futuro. Para público maior de 12 anos.
O domingo 25 volve o Circuíto Galego de Teatro amador FegaTeatro 2026 con tres pezas de microrelato “Sos – Sopa de morcego - Metamorfosis”, para público adulto. Tres pequenas historias e moito humor.
A compañía Talía Teatro presenta o venres 30 a obra “Lambetadas”, onde dous personaxes excéntricos entran en escena. Como non saben quen son, nin de onde veñen, nin cara a onde van, non lles queda máis remedio que coñecérense, tanto un ao outro como a eles mesmos. O que descobren é que para atopar a súa identidade deberán saber o que lles pasa ás súas linguas. Unha obra para público familiar e infantil, recomendada para a rapazada de entre 6 a 11 anos.
Pechamos o mes do Teatro o sábado 31 co espectáculo “O Parvo”, dentro do Circuíto Galego de Teatro amador FegaTeatro 2026. A historia comeza cando Pedro Brandoñas invita a cear a Francisco Piñeiro. En principio parece un invitado inofensivo ou un pouco "parvo", pero acaba complicando e enleando a situación ata levala ao límite.