O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos

Teo instala un sistema de cámaras para mellorar a seguridade nos accesos ao municipio

| compartir:

O Concello de Teo vén de instalar un sistema de cámaras de videovixilancia en distintos puntos estratéxicos dos accesos por estrada ao municipio, co obxectivo de reforzar a seguridade e facilitar as funcións de control que corresponden á Policía Local no exercicio das súas competencias.

As cámaras sitúanse nas principais vías de entrada e saída do termo municipal, permitindo a observación do estado da circulación e a obtención de información necesaria para a xestión das incidencias de tráfico, a prevención de situacións de risco e a investigación, cando proceda, sempre de acordo coa normativa vixente. 

O sistema incorpora tecnoloxía de lectura automática de matrículas como ferramenta de apoio ás funcións legalmente atribuídas ás autoridades competentes en materia de tráfico e seguridade. O seu uso realizarase exclusivamente para as finalidades previstas na lexislación aplicable e baixo os principios de necesidade, proporcionalidade e minimización de datos.

O Concello quere trasladar á cidadanía que este sistema foi deseñado respectando as garantías establecidas na normativa de protección de datos e na lexislación reguladora da utilización de videocámaras por parte das Forzas e Corpos de Seguridade.

En particular, as cámaras están orientadas exclusivamente cara ás vías públicas e aos accesos ao municipio, polo que non se captarán imaxes do interior de vivendas nin doutros espazos especialmente protexidos. O sistema non realiza gravación de son e o acceso ás imaxes queda restrinxido exclusivamente ao persoal e ás autoridades legalmente habilitadas. Por último, sinalar que as gravacións conservaranse unicamente durante o prazo legalmente establecido, salvo que deban preservarse por estar relacionadas cunha investigación policial, un procedemento administrativo ou un proceso xudicial.

Nas distintas localizacións están instalados os correspondentes carteis informativos que comunican á cidadanía a existencia do sistema de videovixilancia, a identidade do responsable do tratamento e a forma de obter información adicional sobre o tratamento dos datos persoais e o exercicio dos dereitos que resulten aplicables.

Con esta actuación, o Concello pretende contribuír á mellora da seguridade e á xestión máis eficiente da mobilidade no municipio, empregando medios tecnolóxicos que permitan apoiar o labor da Policía Local dentro do marco legal vixente e co máximo respecto aos dereitos fundamentais da cidadanía.

foto