O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
A explanada da Casa Común de Oza converterase o vindeiro 24 de maio nun gran escaparate do comercio, a hostalaría, os servizos e o emprendemento local coa celebración de FEMTEO, a I Feira de Empresas de Teo.
A iniciativa está organizada pola Asociación Empresarial de Teo (AETeo) e conta coa colaboración do Concello de Teo e da Deputación da Coruña.
A feira nace coa intención de dar visibilidade ao tecido económico do municipio e crear un espazo de encontro entre empresas, asociacións e veciñanza.
Durante toda a xornada, en horario de 11:00 a 22:00 horas, as persoas asistentes poderán visitar os diferentes stands de negocios asociados e convidados, gozar de música en directo, actividades infantís, gastronomía e sorteos.
Entre as actividades destacadas estarán as actuacións da Asociación Cultural Rosalía de Castro e da Asociación Cultural A Carrabouxa, ademais da presenza da orquestra EUREKA, que ofrecerá sesión vermú e sesión tarde-noite.
Os máis pequenos tamén terán o seu espazo con inchables gratuítos e obradoiros artesanais organizados por ARTENEO, incluíndo actividades de orfebrería e madeira.
A feira contará ademais con pulpería, cantina, rifas e diferentes sorteos ao longo do día, entre eles unha televisión, un xamón e un lote de conservas.
Outra das propostas singulares desta primeira edición será o espazo da Editorial Tulipa, onde se gravarán pequenos podcasts e entrevistas en directo ás persoas participantes que o desexen.
Dende a organización destacan que FEMTEO busca “poñer en valor a importancia do comercio e das empresas locais na vida diaria do concello”, lembrando que apoiar os negocios de proximidade contribúe directamente ao desenvolvemento económico e social da contorna.
Baixo o lema:
“Que a actividade económica do teu concello siga adiante, depende tamén de ti! Somos parte de ti e ti parte de nós”, a feira aspira a consolidarse como unha cita anual de referencia no municipio.