O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos

ABERTAS AS INSCRICIÓNS PARA AS SAÍDAS DE 'GOZA DO ULLA' E 'PATEO 2016'

| compartir:

Xa están abertas as inscricións para participar nas saídas dos programas 'Goza do Ulla 2016', do 17 de setembro, e de 'Pateo 2016', con actividades o 2 de outubro e o 23 de outubro. Hai que presentar esta ficha de inscrición cuberta.

‘Goza do Ulla 2016’

O programa de promoción turística ‘Goza do Ulla 2016’ ofrece de balde unha saída polo concello de Teo o sábado 17 de setembro. Consistirá nun itinerario a pé de 8,5 quilómetros de distancia e dificultade baixa desde a área de lecer do Xirimbao (Reis). As persoas interesadas poden inscribirse no Departamento de Deportes do Concello ata o 12 de setembro (deportes@concellodeteo.com). 

 

 

A saída será a partir das nove da mañá. Terá como protagonista o río, que percorre a parte sur do municipio, e o patrimonio próximo ás súas beiras. Deste xeito, partindo da Igrexa de Teo visitarán as vellas pontes da Dorna, a ponte Vella de Pontevea e a Ponte Mariola do Xirimbao, así como as fontes e lavadoiros da Burga de Xermeade, de Agromaior ou do Maíndo, o cruceiro de Maíndo, o Pazo de Maíndo ou as pesqueiras do Ulla. No aspecto natural, o percorrido destaca por atravesar espazos naturais protexidos como a carballeira de Agromaior e a propia cunca do Ulla.

 

Na actividade poderá participar calquera persoa maior de sete anos. Os menores de idade deben contar con autorización dos proxenitores ou titores. Ata os dezaseis anos deberán ir acompañados dunha persoa adulta. O Concello recomenda levar roupa e calzado axeitado, ademais dunha mochila con comida e bebida para repoñer forzas durante a ruta.

 

‘PaTeo 2016’

Por outra parte, o Concello convoca tamén o seu programa de saídas de sendeirismo ‘PaTeo 2016’. Prográmanse dúas saídas no mes de outubro. Unha será o día 2, cunha ruta pola costa de Dexo, e outra o 23, polo río Barbantiño. Nos dous casos hai un máximo de cincuenta prazas dispoñibles, que se outorgan por rigorosa orde de inscrición. O prazo para anotarse, no Rexistro Municipal do Concello, remata o 16 de setembro. Hai que presentar esta ficha de inscrición cuberta.

 

Nestas saídas poden participar maiores de catorce anos. As persoas menores de idade terán que contar coa autorización de proxenitores ou titores. O prezo é de seis euros por persoa para o transporte, que se deben pagar, unha vez confirmada a praza, antes do 27 de setembro. Deben ingresarse na conta ES75 2080 5031 2230 4002 8345 da empresa Expres de Vea, SL..

 

Nas dúas xornadas, a saída do autobús efectuarase ás nove da mañá desde a Casa do Concello. O retorno será aproximadamente ás sete da tarde. A ruta pola costa de Dexo, do 2 de outubro, levará os participantes por un percorrido de quince quilómetros por esta zona do municipio de Oleiros, un dos espazos naturais máis importantes da provincia, que destaca pola conservación do ambiente e da paisaxe. A ruta polo río Barbantiño é duns catorce quilómetros. Antes do percorrido, terá lugar unha visita ao castro de San Cibrán de Lás, dunha hora de duración. Esta actividade require pagar unha taxa de cinco euros por persoa.

 

As recomendacións para o ‘PaTeo 2016’ son tamén as de levar roupa e calzado axeitado, máis unha mochila con comida e bebida para repoñer forzas durante as andainas.

Teo monte