O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
O Departamento de Deportes municipal ten aberto ata o xoves 6 de outubro o prazo de inscrición de equipos para a súa XIX Liga de Fútbol Sala. As solicitudes débense presentar no Rexistro de Entrada do Concello. O documento debe incorporar o nome de equipo, a persoa responsable, datos de contacto e a relación de xogadores.
O concelleiro de Deportes de Teo, Jorge Carballido, explica que “con este campionato, que está xa moi asentado entre a poboación do concello, queremos fomentar a práctica deportiva, e tamén a solidariedade, a disciplina e o respecto polos demais”.
Os equipos teñen que ter un mínimo de doce integrantes, todos maiores de idade, segundo as bases da competición. Os que manteñan a praza da anterior edición da liga teñen que inscribir un mínimo de oito xogadores dos que finalizaron a pasada tempada. Non se admiten máis de cinco compoñentes censados fóra do municipio en cada equipo de doce. Pódense facer ata tres cambios de ficha ou inscribir novos xogadores ata a décima xornada de liga.
A cota de inscrición é a correspondente á taxa por realización de actividades deportivas municipais multiplicada polo número de xogadores, de maneira que un equipo mínimo, de doce compoñentes, terá que pagar 240 euros. O pagamento efectuarase unha vez que teñan confirmada a praza.
Dinámica da competición
A liga xógase polo sistema de ‘todos contra todos’. Contémplase a posibilidade de realizar unha competición de copa ao seu remate, dependendo da evolución da tempada e da dispoñibilidade de datas.
Establécense tres divisións, cun máximo de dez equipos. Na folla de inscrición, ofrécese a opción de crear unha liga de veteranos, de xogadores maiores de 32 anos, que se podería desenvolver se se reúne un mínimo de seis equipos interesados.
No Grupo A da Liga competirán os sete primeiros clasificados da tempada pasada e os tres primeiros do Grupo B, sempre que manteñan un mínimo de oito xogadores da tempada anterior. O Grupo B acolle os tres últimos clasificados do pasado Grupo A e os tres primeiros do Grupo C pasados, así como os posicionados entre os postos cuarto e sétimo do anterior Grupo B. E no Grupo C xogarán os tres últimos clasificados do grupo B máis os ocupantes dos postos cuarto, quinto e sexto do ano pasado. As demais prazas irán a sorteo entre os equipos que queiran participar.
O campión de cada grupo será o equipo que máis puntos obteña, a razón de sumar tres por partido gañado, un por partido empatado e ningún en caso de derrota. As sancións, por incomparecencia ou non presentar un número suficiente de xogadores, compútanse como derrota por 3-0 e restan tres puntos.
Solicitude de pavillóns
Por outra parte, o Concello abre un novo prazo, ata o venres 7 de outubro, para que entidades e persoas soliciten a utilización dos pavillóns polideportivos de Calo, da Ramallosa e dos Tilos durante o período comprendido entre o 17 de outubro de 2016 e o 19 de xuño de 2017. O modelo oficial de solicitude débese presentar cuberto no Rexistro de Entrada do Concello.
Esta convocatoria efectúase coas horas que aínda quedan dispoñibles nas instalacións deportivas municipais. O sorteo dos módulos horarios, entre todas as solicitudes presentadas en prazo, efectuarase o xoves 13 de outubro ás 20:30 horas na Casa do Concello.
Máis información no Departamento de Deportes do Concello, entre as 8:00 e as 14:00 horas, no teléfono 981 81 57 00 ou no enderezo electrónico deportes@teo.gal.