O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
As anpas de Teo amosan unha vez máis a súa solidariedade. Desta volta cunha recollida de alimentos en colaboración co Banco Veciñal de Alimentos de Teo. Durante esta semana e ata o 30 de abril recolleranse alimentos nos colexios e no Auditorio Constante Liste. Segundo indican dende o propio banco os produtos máis demandados son leite, aceite ou conservas.
Esta semana solidaria rematará cun acto para un público familiar o domingo 30. Será un pequeno concerto de Luis Vallecillo que cantará cancións sobre contos populares como "Tres porquiños tres", "Xan sen medo"... A actuación é no Auditorio Constante Liste ás 12:00 horas e a entrada é de balde. Pídese que as persoas que asistan poidan facer algunha entrega de alimentos para o Banco Veciñal.
En Teo existe dende hai catro anos un Banco Veciñal de Alimentos que funciona grazas ao traballo dun grupo de voluntarios e voluntarias. Como explican eles mesmos trátase dunha actividade de participación cidadá contra a desigualdade e o desperdicio de alimentos. Os servizos sociais son os que determinan as familias que son usuarias deste servizo.
Nesta semana solidaria, ademais de entregar produtos, dende o Banco tamén queren animar á xente a facerse voluntario/a e a coñecer máis de preto este programa.
Con esta iniciativa tamén colabora a Asociación de Veciños da Ramallosa.