O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos

CAMPAÑA PARA PROMOVER AS BOAS PRÁCTICAS E GARANTIR A EFICIENCIA DA EDAR DE CALO

| compartir:

O Concello promove entre a poboación unha serie de boas prácticas ambientais para garantir a eficiencia da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Calo. A iniciativa consiste na difusión dun folleto entre a veciñanza da zona de influencia desta instalación, cunha serie de recomendacións para evitar que a infraestrutura reciba residuos inapropiados ou augas pluviais.

O folleto incide especialmente nos residuos que se tiran polo váter de maneira indebida. O caso máis salientable son as toalliñas hixiénicas, que sempre se deben desbotar no lixo a pesar de que os seus envases indiquen que son biodegradables. Aínda sendo isto certo, non se poden tirar ao sanitario porque en realidade tardan meses e incluso anos en desintegrarse. Por iso, atascan as arquetas das propias vivendas, fan que as tapas de saneamento desborden e haxa vertidos nas rúas e colapsan tanto os sistemas de bombeo como os filtros e sistemas de depuración.

 

Tamén se indica que aceites, compresas, tampóns, cueiros, panos hixiénicos ou preservativos deben eliminarse no lixo para seren procesados polo sistema de recollida de residuos urbanos. Nunca deben ir ao váter porque causan tamén serios problemas no sistema de depuración. Sobre os medicamentos, o folleto lembra que son moi contaminantes e perigosos para o medio e que existen puntos de recollida específicos nas propias farmacias para desfacerse deles.

 

Do mesmo xeito, a campaña insta a non utilizar bloques ou líquidos limpadores no sanitario porque teñen produtos químicos moi contaminantes. Aconsella utilizar alternativas biodegradables, que ademais son máis baratas. E tamén insta a escoller deterxentes sen fosfatos e limitar ao imprescindible o uso de lixivia e outros produtos con cloro ou amoníaco.

 

Augas pluviais

Con respecto ás augas pluviais, esta iniciativa fai ver que desvialas á rede de augas residuais ocasiona un esforzo adicional innecesario na depuradora, ademais de contaminar auga limpa. A chegada de augas pluviais polo circuíto reservado só para as residuais pode ocasionar que a EDAR se vexa obrigada a alivier ao río augas sen a depuración apropiada. Cómpre ter en conta que a depuradora de Calo reúne capacidade de sobra para a poboación á que lle dá servizo, pero nun día de chuvia o caudal de entrada pode triplicarse. Ademais da irresponsabilidade ambiental, o folleto reitera que a derivación de pluviais á rede de residuais constitúe unha infracción da normativa.

 

Responsabilidade compartida

A EDAR de Calo, situada a carón do río Tinto en Cabanas, dálle servizo tanto a poboacións de Teo como de Ames situadas nesta conca. A garantía da eficiencia nesta infraestrutura é, pois, unha responsabilidade compartida dos dous Concellos. Teo agarda que Ames emprenda campañas semellantes para a promoción de boas prácticas entre a súa poboación, posto que a contaminación do cauce do río Tinto non distingue de límites municipais.

 

Limpeza e portas abertas

Precisamente, o río Tinto será obxecto dunha xornada de limpeza o vindeiro domingo, 2 de outubro, dentro do proxecto ‘Móllate polos ríos’ que promove a organización ecoloxista ADEGA. A actividade en Teo está organizada polo Concello e pola asociación veciñal A Carballeira do San Martiño. O tramo que se limpará está situado entre os muíños de Vilaverde e de Cabanas. As persoas que desexen participar, aínda que non se inscribiran, poden acudir ao punto de encontro nos muíños de Vilaverde, ás 11:00 horas do domingo.

 

Neste mesmo día, está organizada unha xornada de portas abertas na EDAR de Calo entre as 12:00 e as 13:30 horas. A intención é que as persoas que se acheguen a esta visita poidan coñecer o funcionamento da instalación e os problemas aos que se enfronta.

edar residuos