O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos

COMEZAN AS OBRAS DE MELLORA DO PARQUE INFANTIL DOS TILOS

| compartir:

O Concello inicia as obras de mellora do parque infantil da urbanización dos Tilos. Por razóns de seguridade e operatividade, os traballos obrigan a valar desde hoxe o espazo, que volverá estar en condicións de ser utilizado a finais do vindeiro mes de setembro.

O concelleiro de Servizos Básicos, Xurxo Francos, explica que “nesta intervención imos cambiar o peche perimetral do parque, ademais de substituír un elemento deteriorado, engadir un novo xogo para nenos e nenas de ata tres anos de idade, sanear o chan e acondicionar os demais xogos”. Deste xeito, o parque experimentará unha posta ao día despois do desgaste ocasionado polo paso do tempo e o uso.

 

As obras no parque dos Tilos encádranse dentro dun investimento de máis de 70.000 euros que o Concello de Teo acomete durante este verán na construción, mellora e mantemento de varios dos máis de corenta parques infantís cos que conta o municipio. O obxectivo é aumentar a dotación de espazos de uso público, ademais de renovar e preservar as condicións de seguridade dos xa existentes.

 

Outros parques

O maior investimento corresponde á construción dun parque infantil e unha pista deportiva na zona de Augas Mansas. O custo da obra é duns 52.500 euros, incluído o IVE. Conta cunha subvención da Xunta de Galicia, por valor duns 24.000 euros, a través dos fondos Feader. O novo equipamento dará cobertura tanto á propia urbanización de Augas Mansas como a núcleos próximos como Vilar, Guldrís, As Laxes, Pedrouso, Requián, Constenla, Sisto, Cruces, Lamas, Monte ou mesmo Solláns, todos eles situados a menos dun quilómetro de distancia.

 

Nesta nova infraestrutura escolléronse materiais que precisan un mantemento baixo, como o aluminio, elementos galvanizados ou polietileno. O concelleiro adianta tamén que, unha vez conclúa este proxecto, o Concello instalará dúas mesas e varios bancos, máis plantará árbores para crear unha zona de sombra. 

 

Outras actuacións que acomete a brigada municipal de obras durante estas semanas benefician a parques como o de Cerdeira, na parroquia de Vilariño, no que se cambian varios xogos e se retiran varios piñeiros situados nas inmediacións que a longo prazo poderían constituír un risco para os usuarios e usuarias.

 

Ademais, renóvanse os parques de Penelas e da escola de Raxó. O do CEIP da Igrexa de Calo amplíase e en xeral todos os parques dos colexios reciben reparacións e tratamentos de madeira para garantir o cumprimento da normativa vixente e obter a correspondente certificación. No antigo campo da festa de Rarís, colócase un parque cunha superficie de lousas de caucho para cubrir o pavimento actual.

parque Teo